ENFRONTAR UNHA PANDEMIA NON É UN PROBLEMA DE ORDE PÚBLICA
O BNG rexeita o proxecto de Lei de Saúde do Partido Popular
Representantes do BNG na comarca – Mercedes Tobío, responsábel comarcal, e “Mon” Fernández, deputado no parlamento galego- fixeron público hoxe o posicionamento da organización ao respecto da Lei de Saúde que o PP está a tramitar no Parlamento Galego; e que podería aprobarse a vindeira semana.
O deputado do BNG “Mon” Fernández Afonzo denunciou que “o Partido Popular pretende limitar e restrinxir dereitos fundamentais das galegas e galegos sen mecanismo de control ningún; cun proxecto de lei tramitado sen diálogo, pola vía de urxencia con absoluto escurantismo e opacidade. Hai milleiros de galegas e galegos que non saben nin sequera que se está a tramitar e a piques de aprobar unha proposta que mudará, para peor, a lexislación sanitaria galega”.
“Mon” Fernández afirmou que “estamos perante unha lei que non pretende mellorar a saúde das galegas e galegos nin o sistema sanitario público de Galiza senón vixiar e punir a poboación, trantando a todas as galegas e galegos como sospeitosos cando o pobo galego demostrou ao longo deste ano unha responsabilidade enorme –con incumprimentos minoritarios. nunha situación moi dura” . Ao mesmo tempo, fixo fincapé no feito de que “o Partido Popular na Xunta de Galiza pretende enfrontar unha pandemia coma se fose un problema de orde pública. É dicir, facer fronte a unha crise sanitaria con medidas de carácter puramente restritivo e punitivo. Unha neumonía non se cura con multas senón con médicos”
En troques da filosofía na que se move a iniciativa do PP, o deputado do BNG insistíu nas propostas que o BNG está a facer históricamente, mais aínda desde o comezo da pandemia, no sentido de “reforzar o sistema sanitario revertendo os recortes dos últimos anos que manteñen aínda hoxe a Atención Primaria cun orzamento inferior ao de 2009, e procedendo a dotalo de profesionais suficientes e medios axeitados, rematando coa precariedade laboral. As e os profesionais da sanidade pública están exhaustos despois deste ano de pandemia no que tiveron que asumir un esforzo titánico por mor da Covid19” , insistindo na necesidade urxente de “recuperar as Áreas sanitarias comarcais suprimidas polo Partido Popular o que empeorou a atención sanitaria”
En paralelo, “Mon” Fernández avogou por “deseñar un servizo de rastrexo público, eficiente e eficaz dotado dos recursos necesarios para detectar casos positivos e illalos; apostando ao mesmo tempo nun sistema de investigación sanitaria forte con condicións laborais dignas co que ser quen de dar mellores respostas non só á pandemia senón aos problemas de saúde da poboación máis alá da Covid19. A xente segue tendo cancro, problemas de corazón e enfermidades de todo tipo e estamos vendo como se retrasan diagnoses e tratamentos por falta de recursos” lembrando finalmente que “os colectivos profesionais estiman que no conxunto de Galiza se fixeron 600.000 consultas, 3.000 operacións e 20.000 probas diagnósticas menos. De feito, a comunidade médica e científica alerta dos graves prexuízos que a demora nos diagnósticos e nos tratamentos está a causar para as e os doentes de cancro causando graves prexuízos sanitarios pero tamén emocionais na poboación”