O BNG reclama a paralización inmediata do plan da dirección de Navantia para ceder as instalacións de Fene á empresa privada Windar
A política de restricións de actividades e redución de dimensións de Navantia Ría de Ferrol está a piques de dar un novo paso, está vez a través da cesión das instalacións de Fene á empresa privada Windar para que poida asinar un contrato marco para prover de MONOPILES a Iberdrola durante os próximos 5 anos.
Estes MONOPILES, igual que as JACKETS, son soportes de gran tamaño fixos no fondo mariño para a colocación de muíños eólicos en superficie, neste caso de forma cilíndrica. Iberdrola conta con ter unha gran demanda de este tipo de soportacións e por iso quere garantir o seu subministro a través dun contrato marco.
Chama a atención que Navantia despois de iniciarse neste mercado a través de UTEs coa empresa Windar nas que a súa participación estaba sempre ao redor do 70% pase agora a un escaso 8%, reducindo o seu papel ao de “caseira” de Windar, empresa que vai executar os contratos na súa integridade, e que polo tanto recollerá os beneficios na mesma proporción, malia realizar Navantia investimentos para acondicionar as instalacións de Fene por valor de 20 millóns de euros.
Lembramos que segundo estimacións do propio sector existe unha demanda de artefactos flotantes para eólica mariña nos países europeus como para ocupar as instalacións de Fene, portos exteriores, e outras empresas do sector do metal, para 10 anos. Unha demanda, que de non facer nada, vai ser atendida por Navantia desde os seus centros da baía de Cádiz, quedando para Fene os anteditos MONOPILES, unhas estruturas de escaso valor engadido comparadas coa estruturas flotantes, por non falar da construción de buques.
Para o BNG resulta absolutamente intolerable que se poida chegar a materializar este plan de Navantia, unha nova expresión do veto dos partidos políticos españois a que Navantia Ría de Ferrol realice calquer actividade que non sexa a estritamente militar, aceitando exclusivamente aquelas de menor valor engadido, e condenando á Comarca de Ferrol a agravar o seu declive económico e demográfico.