O BNG reclama a Educación que manteña o cadro de docentes no IES Ferrol Vello para non por en risco a súa oferta educativa

O deputado Mon Fernández
O deputado Mon Fernández

Ramón Fernández critica os recortes de profesorado no centro malia ser unha referencia en educación integral e na atención á diversidade do alumnado

 

O BNG reclama a Educación que manteña o cadro de docentes no IES Ferrol Vello para non por en risco a súa oferta educativa

O deputado Ramón Fernández defendeu no Parlamento unha iniciativa para reclamar á Consellería de Educación que dote ao Instituto de Educación Secundaria (IES) dun cadro docente de 20 persoas, tal como existía no curso anterior, e a dotación para este centro dun pavillón onde impartir as clases de educación física.

Con pouco máis de 160 alumnos e alumnas e 8 unidades, é unha referencia en canto á educación integral e a atención á diversidade grazas ao “plus de atención” dos sucesivos equipos directivos e docentes, o que axudou tamén a que o centro sexa “ unha das mellores opcións” para as familias da zona á hora de escoller instituto para os seus fillos e fillas, subliñou o deputado.

Porén, Ramón Fernández lamentou que o Goberno do PP considere que o centro é “un luxo que non nos podemos permitir” e decidise “aplicar a tesoira” anunciando a poucos días de se iniciar o curso que o instituto tería 18 docentes en lugar de 20, o que significou, en primeira instancia, non poder impartir as materias de Latín e Economía.

Ademais do prexuízo para os e as estudantes que xa tiñan a matrícula feita nestas materias -que tiveron que cambiar ou decidir marchar do centro-, perder as opcións de Latín e Economía “significa unha traba decisiva para o alumnado que queira cursar posteriormente o bacharelato de Humanidades”, expuxo o deputado da comarca, subliñando que malia parecer un número reducido, a supresión de 2 docentes supón para o IES Ferrol Vello o recorte do 10 % do seu profesorado.

Un recorte que, ademais, vai ter consecuencias para que sigan vixentes algúns dos programas que se viñan aplicando no instituto e que agora están en risco. Referiuse, por exemplo, a ‘Os recreos dinámicos’ para facilitar alternativas de xogos e actividades e a integración de todo o alumnado;  ás Titorías entre Iguais, nas que estudantes de último ano axudan aos máis novos; o programa alternativo ás sancións de expulsión do centro; o programa de alimentación saudable ou outro de prevención de consumo de alcohol.

“Isto, que efectivamente é un luxo, é un luxo que debemos preservar”, considerou Ramón Fernández, que reclamou ao Goberno en mans do PP que non considere o IES Ferrol Vello “outra bola que batear fora do campo” para “manter a ficción de que o curso escolar comezou sen problemas, sen recortes, con máis profesorado que nunca e con total normalidade”. 

“Máis detrás da ficción, asoman os recortes da Xunta, e con eles os problemas para os centros e para as familias. Non estamos a falar nin de un nin  de dous centros, non son casos excepcionais, senón a norma. Unha norma imposta polo Goberno do PP e a súa política de recortes nos servizos públicos básicos, tanto en saúde como no ensino”, advertiu da proposición non de lei que se debateu na Comisión 4ª de Educación.

A proposta foi aprobada por unanimidade, incluídos os votos do PP, malia que o partido no goberno da Xunta se acolleu a que no centro xa existen vinte profesores, cifra na que incluíu dous de Pedagoxía Terapéutica, que o BNG contempla a maiores.

O BNG reclama a Educación que manteña o cadro de docentes no IES Ferrol Vello para non por en risco a súa oferta educativa