O BNG presentou onte unha iniciativa no Parlamento Galego na defensa do transporte por estrada que afecta á comarca
O Consello Comarcal califica de engano as pretendidas modificacións anunciadas pola Xunta, e chama á mobilización mañá sábado
No contido da iniciativa lémbrase que "os usuarios e usuarias levan tempo denunciando os atrasos, os autobuses que non pasan polos itinerarios marcados, os servizos que se deixan de facer intermitentemente e sen aviso, o mal estado de moitos dos vehículos e os reiterados incumprimentos de contrato pola empresa concesionaria desta liña" e que "moitas tamén foron as queixas e denuncias en material laboral e de incumprimentos contractuais, tales como os que teñen que ver coas modalidades contractuais e as condicións nas que operan as traballadoras e traballadores, o incumprimento manifesto dos tempos de resposta estipulados na oferta da empresa, a non existencia das bases e servizos que estas deben ofertar, e unha longa lista de deficiencias e incumprimentos que se foron denunciando nos últimos tempos."
Engádese na exposición de motivos que, "se o obxectivo é o fomento do transporte público, o que está a acontecer nesta liña vai no sentido contrario, xa que un servizo que presenta estas eivas e deficiencias non pode ser percibido como útil polo conxunto da cidadanía.É obriga das institucións públicas fomentar o uso do transporte público en todos os eidos, e quen faga uso do servizo para ir ao traballo, ir a aulas ou a atender calquera tipo de xestión ou cita médica, debe ter a certeza de que pode usar o transporte público, que vai estar á súa hora, que vai ter prazas suficientes e que viaxa cunhas medidas de seguridade axeitadas"
Así, a iniciativa recolle na parte dispositiva:“O Parlamento de Galiza insta o Goberno Galego a atender as demandas das persoas afectadas polas deficiencias e incumprimentos que amosa a liña XG871, dotando ao servizo dunha maior calidade e velar polo cumprimento rigoroso das condicións da concesión.”
Alén desta iniciativa, o Consello Comarcal chama á participación na caravana automobilística que organiza a "Plataforma transporte público digno Ferrol e Comarca" para mañá sábado; ao tempo que denuncia a actitude da Xunta que, en troques de atender as reiteradas peticións que está a facer a cidadanía da comarca, adícase a promover novas sobre presuntas "melloras" do servizo, que non ten máis obxectivos que desmobilizar á veciñanza e esvair as responsabilidades da administración galega nos incumprimentos e deficiencias reiterados da empresa adxudicataria.