O BNG presenta no Parlamento Galego varias iniciativas sobre a xestión dos montes cedeireses da Serra da Capelada

Actual 3
Actual 3
O deputado Mon Fernández reuniuse con un colectivo de gandeiros con explotacións na Capelada preocupados pola xestión do monte que fai a Xunta
O BNG presenta no Parlamento Galego varias iniciativas sobre a xestión dos montes cedeireses da Serra da Capelada

Perante a problemática derivada da falta de atención por parte da Xunta, o BNG vén de presentar varias iniciativas sobre a xestión dos montes cedeireses da Serra da Capelada. Cómpre lembrar que algúns destes montes son propiedade municipal -Lume, Capelada e Couce- e outros son propiedade da Xunta de Galiza, como o monte da Braxe. A Xunta de Galiza realiza a xestión de todos os montes, do propio e máis dos outros que son propiedade do Concello de Cedeira.

Segundo Mon Fernández “as persoas que explotan estes montes quéixanse de falta de atención (*) por parte da Xunta na conservación das pistas forestais e na limpeza do monte, até o punto de crearse zonas inaccesíbeis para o gando e xerando un risco potencialmente elevado en caso se incendio” engadindo que “resulta evidente a falta de transparencia e de participación democrática na xestión dos montes, e iso deriva en dificultades para emprender, para acceder a novas zonas de pasto, así como da superficie susceptíbel de recibir subvencións da PAC”

O deputado do BNG fai fincapé no feito de que “entre a falta de atención que a Xunta presta a este colectivo e á actividade gandeira na zona de Cedeira tamén hai que salientar a eliminación das visitas do veterinario e a redución de servizos que se prestan na oficina agraria de Cedeira, o que obriga a continuos traslados á vila de Ortigueira”

De cara a aclarar o posicionamento da Xunta, o BNG trasladou as seguintes preguntas para a súa resposta oral na Comisión 7ª

1. De que ano é o convenio entre a Xunta de Galiza e Concello de Cedeira para a xestión dos montes municipais? A que usos está destinada a superficie dos montes? Cantas hectáreas están destinadas a cada un destes usos?

2. Existe un plan de xestión destes montes? Quen o elaborou? Quen o aprobou? Quen ten as competencias para modificar os usos do monte?

3. Existe algún mecanismo que prevea a participación das persoas que explotan os montes na súa xestión? Algún mecanismo que prevea a participación do Concello de Cedeira?

4. Por que a Xunta desatende a limpeza do monte e a conservacións das pistas forestais?

5. Cales son os resultados económicos da xestión forestal do monte para a Xunta de Galiza? E para o Concello de Cedeira?

6. Canta madeira anual producen estes montes? De que tipos? Cales son os usos ou destinos finais desta madeira?

7. Que empresas realizan os traballos necesarios para a xestión e a explotación forestal destes montes? Que empresas están ao final da cadea de valor como últimos destinatarios da madeira antes de chegar ao mercado?

8. Cantos postos de traballo fixos a xornada completa xera a xestión e a explotación forestal destes montes?

9. Cantas persoas teñen explotacións gandeiras nestes montes? Que tipo de explotacións son?

10. Cal é o proceso que unha persoa emprendedora debe realizar para ter dereito a explotar superficie destes montes?

11. Ten valorado a Xunta de Galiza a posibilidade de aumentar a superficie dos montes destinada a pradeira? E a pasto baixo arboredo?

12. Por que se suprimiron servizos na oficina agraria de Cedeira? Por que se suprimiron as visitas semanais do veterinario?

E a seguinte Proposición non de lei:

“O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a constituír unha mesa de diálogo e negociación co Concello de Cedeira e coas persoas que teñen gando nos montes públicos situados neste Concello coa finalidade de ampliar e mellorar a superficie susceptíbel de explotación e as condicións de traballo, así como a recuperación de servizos na oficina agraria de Cedeira”

O BNG presenta no Parlamento Galego varias iniciativas sobre a xestión dos montes cedeireses da Serra da Capelada