O BNG PRESENTA MOCIÓNS NOS CONCELLOS AO RESPECTO DA SITUACIÓN CAÓTICA DO TRANSPORTE POR ESTRADA

Mon Fernández. Kai Ríos
Mon Fernández. Kai Ríos
A SOCIEDADE DA COMARCA NON PODE ATURAR OS INCUMPRIMENTOS DE MONBÚS E A COMPLICIDADE DA XUNTA
O BNG PRESENTA MOCIÓNS NOS CONCELLOS AO RESPECTO DA SITUACIÓN CAÓTICA DO TRANSPORTE POR ESTRADA

Perante a situación do transporte por estrada –que afecta gravemente á veciñanza da nosa comarca- o BNG vai presentar en todos os concellos unha moción para que os plenos se posicionen ao respecto das demandas que se teñen reflectido nas mobilizacións recentemente convocadas desde a Plataforma

Desde o BNG sempre acreditamos que o transporte colectivo de carácter público –baseado sempre no seu carácter inclusivo para todas as persoas usuarias- é un elemento fundamental á hora de vertebrar o noso país, cumprindo tamén unha labor social á hora de democratizar o acceso ao transporte e garantir que áreas con complicacións engadidas na súa comunicación, poidan tela.  Alén de este valor, o transporte público é de vital importancia á hora de facer máis sustentábel o desprazamento de persoas por estrada, polo que un bo servizo público de transporte axudará a reducir o número de vehículos persoais nas estradas e polo tanto as súas emisións, así como de accidentes ou colapsos e ruídos nos espazos urbanos.

Ademais hoxe máis ca nunca se pon de manifesto a importancia do transporte público, dada a crise enerxética, económica e social que dificulta os desprazamentos continuados no transporte privado e os gastos que estes supoñen.

Segundo o INE, unhas 150.000 persoas desprázanse diariamente entre diferentes concellos galegos, xa sexa por traballo, estudos ou xestións de calquera tipo. A maioría destes desprazamentos son realizados en vehículos particulares, xa que, tal e como sinalan expertas da UDC (Universidade da Coruña), o servizo de transporte público non é útil para a maior parte destes desprazamentos, por falta de horarios, itinerarios e paradas.

Dende a instauración do último plan de transporte de Galiza, son milleiros as queixas de persoas usuarias, colectivos e traballadores ante este novo modelo no deseño das licitacións públicas e da súa execución ou posta en práctica.

Este novo plan de transporte está a deixar unha Galiza peor comunicada e un servizo máis precarizado, chegando na nosa comarca a unha situación realmente caótica; con eliminación de horarios, itinerarios e paradas, cuestión que repercute negativamente na vida diaria da veciñanza. Unha situación que deriva dos evidentes incumprimentos por parte da adxudicataria MONBUS, mais tamén da complicidade da Xunta; como responsábel da adxudicación do servizo e garante das clausulas que se explicitan nos mesmos. E cúmpre lembrar que, para o desenvolvimento do transporte metropolitano na nosa comarca, asinouse un convenio hai dous anos –que deriva nunha importante aportación económica por parte dos concellos- no que se expresa coma un dos obxectivos fundamentais “…proceder á execución dunha serie de actuacions conxuntas que permitan o mellor desenvolvemento do transporte metropolitano no seu ámbito, como medidas de fomento de mobilidade sostible…”. Nada máis lonxe da realidade…

Neste sentido, as medidas que se reclaman nas mocións que o BNG vai levar aos plenos concrétanse no seguinte:


1.- Instar ao Goberno Galego a fomentar o uso do transporte público por estrada, aplicando, cando menos, as seguintes medidas:

a)    Reforzo do servizo en concepto de itinerarios, horarios e paradas dispoñibles, tanto nas conexións coas cidades coma no transporte intracomarcal e rural.

b)   Instauración dunha tarifa plana para usuarios recorrentes e bonificacións aplicando criterios sociais, tales como situación de desemprego, rendas baixas, persoas pensionistas etc.

c)    Posta en marcha bonificacións para a mocidade, ligadas ao Carné Xove, para as persoas que excedan a idade máxima da Tarxeta Xente Nova e gratuidade no transporte público para estudantes.

d)   Gratuidade das autovías dependentes da Xunta de Galiza.

2.- Instar ao Goberno Galego a un reforzo no control e inspección, a todos os niveis, no cumprimento dos contratos asinados coas empresas concesionarias.
O BNG PRESENTA MOCIÓNS NOS CONCELLOS AO RESPECTO DA SITUACIÓN CAÓTICA DO TRANSPORTE POR ESTRADA