O BNG presenta as emendas relativas á comarca
O deputado do BNG, Mon Fernández, acompañado da responsábel comarcal –Mercedes Tobío- e doutros cargos institucionais e orgánicos do BNG comarcal deron conta hoxe en rolda de prensa das emendas referidas á nosa comarca presentadas polo BNG ao proxecto de orzamentos presentado pola Xunta para o vindeiro ano.
Superada a fase de emendas a totalidade, nos últimos días debatíronse as parciais; que afectan, segundo o deputado do BNG “a proxectos, actuacións e decisións políticas ao respecto das necesidades da nosa comarca; que a Xunta segue sen contemplar como prioridade. Son, polo tanto, actuacións necesarias e factíbeis e, polo tanto, non é de recibo que a Xunta non teña admitido neste debate de emendas parciais nengunha das que presentou o BNG”.
No relatorio de emendas contémplanse, segundo Mon Fernández, actuacións en materia de infraestruturas “que afectan a vías de comunicación interna dalgúns concellos mais, sobre todo, a vías intermunicipais que resultan de absoluta necesidade para a veciñanza dos nosos concellos” ou “a urxente dotación de servizos básicos como o abastecimento ou saneamento en moitos lugares dos concellos da nosa área.”
Outro bloque importante das emendas presentadas polo BNG refírese ao apartado do ensino que, segundo o deputado do BNG “presenta situacións verdadeiramente lamentábeis no tocante á situación das infraestruturas, mais tamén no relativo a outro tipo de carencias, coma por exemplo os comedores escolares”. Neste mesmo apartado –que se refire aos servizos básicos para a cidadanía, figuran as demandas “que afectan a un dereito básico, coma é a atención sanitaria e en condicións para o conxunto da poboación; que en moitos dos nosos concellos acumula carencias históricas”, en palabras do deputado do BNG; ao igual que “nas carencias en materia de escolas infantís ou residencias de maiores”.
O apartado da dotación de solo industrial e creación de emprego inclúe varias emendas que van desde a dotación de novo solo industrial até proxectos de rexeneración integral das rías e potenciamento do sector marisqueiro. Así como tamén, a reclamación de actuacións urxentes en materia do medio ambiente, especialmente no tocante a actuacións no parque natural das Fragas do Eume; ou na recuperación e posta en valor do noso patrimonio histórico-artístico, en moitos casos abandonado ou carentes de intervención para o seu mantemento.
Finalmente, Mon Fernández fixo mención á “falta de sensibilidade da maioría do PP no Parlamento Galego, ao non admitir no debate en Comisión nengunha das ememdas presentadas no BNG; que son en realidade demandas que proveñen das reivindicacións da veciñanza e mesmo das institucións dos concellos da nosa comarca” e lanzóu un reto ao PP “para que rectifique e no debate en Pleno (mañá martes) atenda estas reivindicacións que supoñen, na prática, a mellora das condicións de vida e do benestar das xentes dos concellos da comarca”.