O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta para a rexeneración da ría de Ferrol

Xuntanza BNG coa Confraría de Barallobre
Xuntanza BNG coa Confraría de Barallobre

Representantes do BNG no Parlamento e do Concello de Fene visitan a Confraría de Barallobre

O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta para a rexeneración da ría de Ferrol

A portavoz do BNG no Parlamento Galego para pesca e marisqueo, Rosana Pérez, visitou hoxe a Confraría de Barallobre xunto co deputado comarcal Mon Fernández e as concelleiras do BNG no Concello de Fene, Sandra Permuy e Angeles

Na visita puideron coñecer de primeira man as consecuencias do colapso produtivo da ría de Ferrol, que segundo datos da propia consellería perdeu entre os anos 2012 e 2022 (o último pechado) máis do 73% da produción de ameixa, sumando todas as variedades, Babosa, Fina, Rubia e Xapónica, con protagonismo absoluto da ameixa Babosa, a típica da nosa ría, a que maior produción en termos históricos tivo e a que maior caída acumula.

O patrón da Confraría tamén explicou aos representantes do BNG o funcionamento e resultado das campañas de outros mariscos, como a Vieira, a Ostra ou a Zamburiña, ou a excepcionalidade das Cuartas listas da ría de Ferrol, que quedaron fora das axudas, tanto do estado como da Xunta, e que pagan unhas taxas ao Ente autonómico Portos de Galiza das que están exentas na Autoridade Portuaria de Ferrol.

A representación do BNG informou ao Patrón maior e membros da confraría do estado actual da tramitación dos orzamentos da Xunta, e a presentación de varias emendas por parte do Grupo parlamentar dirixidas precisamente a mellorar a capacidade produtiva das rías galegas, unha de carácter xeral, para iniciar o que no BNG denominamos Proxecto Rías por un montante de 10M€, e outras específicas para a realización dun estudo integral da situación da ría de Ferrol por 2M€, así como a inclusión da eliminación dos vertidos do Concello de Neda en outra emenda sobre a mellora dos sistemas do saneamento das rías por un total de 20M€.

Desde o BNG queremos chamar a atención do sector e de toda a sociedade comarcal sobre o feito de ser a produción marisqueira competencia exclusiva da Xunta de Galiza, aínda que na ría existan infraestruturas que sexan competencia de outras administracións. A Xunta como titular desas competencias debera ser a principal interesada en determinar as causas deste colapso produtivo, aínda que a posteriori precise da colaboración de todas as administracións para resolver o problema, o primeiro debera ser realizar ese estudo integral que poida por fin botar luz sobre as causas que veñen provocando a ruína dun sector que podería e debería ser unha grande fonte de riqueza na nosa comarca.

O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta para a rexeneración da ría de Ferrol