O BNG presenta a campaña da crise de prezos: non é unha crise, é un roubo
Membros da Executiva Comarcal do BNG de Ferrolterra –encabezados pola responsábel comarcal, Mercedes Tobío- presentaron hoxe a campaña que o BNG vai desenvolver nos diferentes concellos da comarca contra da crise de prezos que está a repercutir económica e socialmente na veciñanza dos nosos concellos.
Mercedes Tobío afirmou rotuntamente que “isto non é unha crise: é un roubo, porque mentras que as maiorías sociais non empobrecemos, as grandes empresas non deixan de ver como os seus beneficios aumentan” exemplificando no feito de que “as empresas do IBEX acadan beneficios record, os bancos amasan beneficios e non devolveron nen un só euro do rescate bancario; e o control público sobre os sectores chave da nosa economía esváese progresivamente”.
A responsábel comarcal do BNG fixo fincapé no feito de que “o custe da vida incrementouse nun 11% no último ano, especialmente nos produtos básicos coma o pan, leite, carne, cereais, peixe, verduras e hortalizas frescas…; mais tamén o custe da vivenda e transporte, cun encarecemento que empeora aínda máis as condicións de vida da poboación”. Mais tamén fixo referencia “á desbocada suba da electricidade, que provoca o incremento de todos eses produtos; e resulta insultante que na Galiza, sendo produtora excedentaria de enerxía eléctrica, non teñamos a cambio unha compensación que rebaixe a factura da luz: unha tarifa eléctrica galega”.
Tobío fixo unha chamada á sociedade comarcal “para darmos unha resposta contundente á parálise na que están instalados o Goberno español e a Xunta, impulsando un cambio estrutural da nosa economía para actuar con urxencia; evitando que,máis unha vez, esta “crise” acabe pagandoa quen menos ten” indicando que “desde o BNG imos deixarnos a pel para achegarlle á sociedade comarcal as alternativas da nosa organización; con medidas como o incremento da presiónfiscal ás grandes empresas e patrimonios, aumento das prestacións sociais, suspensión dos desafiuzamentos, limitación do prezo dos alugueres ou impulso de medidas de apoio á mocidade” complementándoas con outras “que teñen a ver co tecido económico; coma a intervención pública no sector eléctrico ou axudas a PEMEs, autónomas e cooperativas”.
A campaña do BNG comarcal vai desenvolverse en varias frontes. Por unha banda, reparto masivo ten todos os concellos dunha octaviña no que se analiza a situación e se deseñan as propostas do BNG para enfrontala. Por outra, a realización de actos informativos coa veciñanza, que comezarán co que se vai desenvolver en Ferrol o vindeiro dia 30 coa participación da Portavoz Nacional do BNG; Ana Pontón; aos que seguirán outros nos concellos da nosa comarca. Esta campaña terá o seu punto central coa mobilización que se celebrará en Compostela o vindeiro 18 de decembro, para o que a organización disporá de buses para a xente que se queira desprazar desde a comarca.