O BNG pide medidas urxentes fronte ao caos no servizo de transporte colectivo por estrada

Mon Fernández
Mon Fernández

O BNG demanda recuperar os servizos da antiga concesionaria e atender ás necesidades das persoas afectadas

 

O BNG pide medidas urxentes fronte ao caos no servizo de transporte colectivo por estrada

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), vén de presentar diversas iniciativas(adxuntas)  instando ao Goberno galego a tomar medidas para a posta en marcha dun servizo de transporte colectivo por estrada axeitado nas comarcas de Ferrolterra e das Mariñas na súa conexión coa Coruña.

         Na exposición de motivos, o BNG fai referencia ao o anuncio do pasado 3 de xaneiro realizado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade onde a bombo e prato se anunciaba un reforzo das conexións por autobuses entre a Coruña e Ferrol, activando –segundo o comunicado da propia consellería-, 55 novos servizo directos máis á semana, o resultado é que co comezo do ano e unha vez en funcionamento o devandito reforzo, o caos foi total.

A respecto da situación, o deputado “Mon” Fernández –un dos asinantes das iniciativas, afirma que “ao fío desta situación, os usuarios viron suprimidos servizos por autoestrada en horas punta, tal como o das 15:30h Coruña E.A-Ferrol, así como non atender a demanda de recuperar o servizo directo de Ferrol-Coruña pasando por o CHUAC e demais centros sanitarios da Coruña, para facilitar a entrada de traballador@s, e a asistencia de doentes da comarca de Ferrolterra ás citas de especialidades das primeiras horas ao igual que no caso do servizo de oncoloxía. Servizo que foi demandado desde o primeiro momento en que se suprimiu”

No texto da iniciativa alúdese tamén  á supresión de frecuencias nas liñas de autobús que conectan a comarca das Mariñas. Estas supresións de frecuencias véñense sumar ás deficiencias que xa sufría este servizo nas Mariñas e que se agravou desde a adxudicación dos novos contratos de transporte o pasado ano, como xa denunciamos no seu momento.

O deputado do BNG lembra tamén que “co comezo de ano suprimíronse frecuencias na liña A Coruña – Ferrol, que afectan á veciñanza de Betanzos ou Miño, onde eliminaron o bus que saía de Ferrol ás 15:09h deixando só unha frecuencia pola tarde ás 19:30 h. Esta redución de frecuencias foi acompañada ademais a primeiros de ano por unha suba do prezo, nun servizo que funciona como vimos denunciando no último ano dunha forma totalmente deficiente”

A todo isto temos que engadir, de novo, as múltiples queixas sobre a deficiente información que desde a Xunta se facilita. A páxina web de referencia para a información sobre o servizo de autobús en Galiza, bus.gal, recolle unha información de horarios e frecuencias non se corresponde coa información que hai nas propias paradas de autobús, nos casos nos que hai información dalgún tipo e todo isto provoca confusión nas persoas usuarias do servizo.

A parte dispositiva da Proposición non de Lei recolle que “O Parlamento Galego insta o Goberno Galego a atender as demandas das persoas afectadas pola redución de frecuencias e horarios das liñas de autobús nas comarcas afectadas, especialmente na recuperación dos servizos ofrecidos pola anterior concesionaria, así como tamén a ofrecer a información correcta a través da páxina bus.gal e nas paradas dos buses dos horarios, frecuencias e paradas destes servizos.”

O BNG pide medidas urxentes fronte ao caos no servizo de transporte colectivo por estrada