O BNG pide explicacións á Xunta de Galiza pola situación do Río e do Parque Natural das Fragas do Eume

Estado do Río Eume no encoro
Estado do Río Eume no encoro (Colectivo Terra)
O deputado Mon Fernández lembra os pasados episodios de contaminación provocados por ENDESA, mais tamén a afectación dos actuais proxectos eólicos sobre o Parque Natural
O BNG pide explicacións á Xunta de Galiza pola situación do Río e do Parque Natural das Fragas do Eume

O BNG ven de presentar unha batería de preguntas no Parlamento Galego sobre a situación do río e do Parque das Fragas do Eume, xa que nos últimos tempos non deixan de aparecer novas moi preocupantes ao respeito do control e protección tanto da bacía do río como do propio Parque Natural.

Referímonos ás denuncias públicas de entidades como ADEGA ou o Colectivo Terra respeito de incumprimentos por parte de ENDESA de respectar o caudal mínimo do río, mais tamén aos diferentes proxectos eólicos que afectan directamente ao territorio do Parque Natural. 

O pasado ano 2020 vivimos no río Eume un grave episodio de verteduras das lamas acumuladas no encoro da Capela. A imaxe de turbidez das augas e as cores enferruxadas dos sedimentos que a baixada do caudal do encoro deixaron á vista provocaron unha fundada alarma social.

Nos últimos días novamente entidades ecoloxistas e de defensa do territorio denuncian que ENDESA incumpre a obriga de manter un caudal mínimo no río Eume, e as fotos publicadas nas súas redes sociais parecen darlles a razón, sen esquecer que de feito esta é unha obriga que foi incumprida por ENDESA durante moitos anos.

Por outra banda, non podemos deixar de lembrar dous feitos que agora cobran especial relevancia:

  1. Que a Xunta incumpre desde hai máis de 20 anos a súa obriga de impulsar o PRUX do parque das Fragas do Eume;
  2. Que a Xunta paralizou no seu día a ampliación da Rede Natura.

Estes dous feitos agravan a situación de falta de control e fraxilidade dun territorio que pola súa riqueza e diversidade debera ser obxecto de especial protección, fronte, por exemplo aos proxectos eólicos anunciados por diferentes empresas. 

Estes proxectos, en función da potencia, son competencia estatal ou autonómica. A Xunta gábase nos medios de comunicación de informar negativamente aqueles que son competencia estatal, mais nada di sobre aqueles outros da súa competencia. De feito, os mecanismos de información sobre o trámite destes proxectos fan especialmente dificultoso facerlles seguimento.

É por isto que o Grupo Parlamentar do BNG presentou no Parlamento unha batería de preguntas.

  • Cal foi o resultado da incoación do expediente contra ENDESA?
  • Cales foron as conclusións das inves􀆟gacións realizadas?
  • Está a Xunta de Galiza facendo seguimento do caudal e calidade das augas do río Eume? Tivo coñecimento deste novo incumprimento de ENDESA respeito do caudal mínimo do río?
  • Ten pensado a Xunta de Galiza iniciar os trámites para dotar por fin ao Parque das Fragas dun PRUX?
  • Como valora a Xunta de Galiza que poden afectar ao río e ás Fragas do Eume os diferentes proxectos eólicos que se teñen anunciado?
O BNG pide explicacións á Xunta de Galiza pola situación do Río e do Parque Natural das Fragas do Eume