“SEMPRE TIVEMOS PRESENTE A SITUACIÓN DA RÍA NO NOSO TRABALLO DESDE A OPOSICIÓN, A PARTIR DO 18F SEREMOS MOITO MÁIS ÚTILES DESDE O GOBERNO”

O BNG mantivo unha reunión cos 3 patróns maiores das confrarías da ría de Ferrol

Encontro cos patróns maiores
Encontro cos patróns maiores
Durante a reunión os patróns maiores, acompañados do biólogo da confraría de Ferrol, explicaron os pormenores da situación actual así como dos diferentes problemas que veñen acumulando ano tras ano sen que o goberno galego dea unha solución ou mostre interese por impulsar o tan demandado estudo integral sobre a situación da ría.
O BNG mantivo unha reunión cos 3 patróns maiores das confrarías da ría de Ferrol

Ferrol, 24 de xaneiro do 2024.

O BNG reuniuse na mañá do martes 23 e nas instalacións da lonxa de Ferrol cos 3 patróns maiores das confrarías da ría de Ferrol nun momento de extrema gravidade para o sector.

As chuvias dos últimos meses do ano provocaron un descenso de salinidade da auga da ría mantido durante varios días e isto veu provocar unha enorme mortalidade do marisco, un golpe que pode ser definitivo para un sector que non deixa de denunciar a situación de colapso produtivo. A babosa, a ameixa fina, o berberecho e a zamburiña son as especies máis afectadas e o marisqueo a pé é o principal sector damnificado.

Durante a reunión os patróns maiores, acompañados do biólogo da confraría de Ferrol, explicaron os pormenores da situación actual así como dos diferentes problemas que veñen acumulando ano tras ano sen que o goberno galego dea unha solución ou mostre interese por impulsar o tan demandado estudo integral sobre a situación da ría, e así mesmo conversaron sobre as axudas prometidas pola Xunta, que cualificaron de absolutamente insuficientes, e sobre a posibilidade de solicitar un cese de actividade aínda tendo esta opción as súas dificultades.

O BNG explicou que xa o pasado mes de novembro demandou no Parlamento Galego a “creación inmediata un fondo extraordinario para atender aos traballadores e traballadoras do mar e ás propias confrarías afectadas pola situación actual das rías galegas”, proposta que foi vetada pola maioría parlamentaria do Partido Popular.

A representación do BNG chamou a atención dos patróns sobre o feito de ser as competencias no marisqueo de titularidade exclusiva da Xunta de Galiza, sendo o goberno galego quen emite os PERMEX, quen realiza o control e clasificación do estado das augas, e quen aproba os plans de explotación que lle remiten as confrarías. “A Xunta é a principal responsábel da situación produtiva nas rías galegas e polo tanto debe estar a altura das circunstancias, sobre todo cando o sector precisa de axuda”.

O candidato do BNG pola comarca de Ferrol, Mon Fernández, despediuse da reunión agradecendo aos patróns ter accedido a celebrar a reunión, invitounos a manter durante estes días contacto constante para saber como evolucionan as reunións do sector coa Consellaría sobre axudas, e finalmente, despois de lembrar o traballo realizado durante estes desde a oposición, comprometeuse a ser a partir do 18F e desde o goberno galego moi máis útiles para o sector do mar da ría de Ferrol.

 

O BNG mantivo unha reunión cos 3 patróns maiores das confrarías da ría de Ferrol