O BNG levará ao Parlamento os recortes no IES Ferrol Vello
O deputado Mon Fernández reuniuse coa ANPA do centro no seu 3º día de folga
O IES FERROL VELLO é un centro especialmente maltratado pola Consellaría de educación da Xunta de Galiza. Un centro pequeno, con menos de 200 alumnos e alumnas, que debe ser considerado con un luxo que non nos podemos permitir.
Non de outro xeito se pode entender a negativa xa histórica da Xunta de Galiza a dotar ao centro do necesario pavillón para impartir as aulas de educación física.
Esta importante eiva ten sido compensada por parte dos sucesivos equipos directivos e docentes con un plus de atención e implicación que fan que este centro poida ser considerado efectivamente como un auténtico luxo en canto a educación integral e atención á diversidade.
Mais veñen de recibir un ataque directo á súa liña de flotación por parte da Xunta de Galiza do Partido Popular. A redución de 2 profesores supuxo a perda das aulas de latín e economía a poucos días do comezo do curso, o que significou para varias familias ter que decidir in extremis se cambiar as materias elixidas ou procurar outro centro.
Mais nun centro pequeno como o IES Ferrol Vello, 2 profesores representan o 10% do seu cadro docente, e polo tanto moito máis que a perda das aulas de latín e de economía, que xa de por si é un grave problema para o futuro e a viabilidade do centro, senón que significa ademais a perda de moitas das horas que no centro dedicaban a programas como recreos dinámicos, titorías entre iguais, a posibilidade de substituír unha sanción de expulsión do centro pola separación no propio centro da persoa sancionada, acompañada para realizar as tarefas, a perda dos recunchos da calma para o que viñan colaborando 2 profes de garda, ou a posibilidade de constituír grupos de aprendizaxe específico de linguas, como xa ten acontecido en anos anteriores, que a Xunta “autoriza” cando non implica aumento de profesorado.
É dicir, o centro perde a posibilidade de impartir unhas optativas necesarias para o alumnado que se orienta cara as Ciencias sociais e as humanidades, e ademais vanse ver en grave risco toda unha serie de programas que se teñen demostrado efectivos e mesmo fundamentais para ofrecer un ensino integrador e verdadeiramente de calidade.
Ante esta situación o deputado Mon Fernández visitou hoxe o centro acompañado pola directiva da ANPA no seu 3º día de folga, xa que ante este recorte, a ANPA decidiu non enviar ás nenas e nenos ao centro, decisión que está a ser respaldada moi maioritariamente polas familias, e comprometeuse a levar ao Parlamento Galego unha proposta para que o centro recupere os docentes que tiña, e para que a Xunta inicie dunha vez os trámites necesarios para dotar ao centro dun pavillón.