O BNG levará ao Parlamento Galego o conflito do transporte urbano na comarca de Ferrol
Os traballadores e traballadoras da concesión de transporte urbano do Concello de Ferrol levan en folga desde o pasado día 15 de xullo reclamando a aplicación do convenio provincial de transporte a todo o persoal, tal como corresponde segundo a normativa laboral vixente que a empresa incumpre dun xeito flagrante co consentimento da Xunta de Galiza.
A instauración do último plan de transporte de Galiza provocou desde o seu inicio multitude de queixas na comarca de Ferrol por parte de milleiros de persoas usuarias, colectivos e traballadores diante dun modo de xestión que está a deixar a comarca nunha situación realmente caótica, con eliminación de horarios, itinerarios e paradas, o que repercute negativamente na vida diaria da veciñanza e nos traballadores e traballadoras que prestan este servizo.
Hai que ter en conta que o concello de Ferrol é o único concello da comarca que por poboación ten obriga de prestar o servizo de transporte público dentro do límites do seu territorio, mais na actualidade esta obriga está delegada na Xunta de Galiza a través da Dirección Xeral de Mobilidade que amplía o ámbito da concesión para prestar este servizo tamén aos Concellos de Narón e Neda, facéndose, polo tanto, directamente responsable do servizo. A participación destes concellos desenvolvese a través do Plan de Transporte Metropolitano onde cada concello achega unha cantidade económica en función da súa poboación.
A precarización do transporte público en Ferrol é unha deriva constante. Nos últimos anos a unificación do transporte escolar e o discrecional incidiu aínda máis neste deterioro, ao que se suma a redución dos servizos con destino A Coruña e que xunto cunhas infraestruturas ferroviarias obsoletas están a condenar á nosa contorna ao seu illamento.
As deficiencias e carencia de servizos e frecuencias da concesión xestionada pola Xunta de Galiza son constantes comprometendo a viabilidade e utilidade deste servizo para a veciñanza e están a provocar o deterioro cada vez máis avanzado das condicións laborais dos traballadores e traballadoras que prestan este servizo nos concellos da comarca de Ferrol.
A empresa de transporte ALSA forma unha UTE na que están integradas dúas empresas, Maitours (formada polo antigo cadro de persoal de Tranvías) e Intercar (formada por persoal subrogado de Monbús).
Desde o comezo da concesión ALSA amosou actitudes diametralmente opostas en ambas empresas, negándose a aplicar unha sentencia xudicial na que se determina que o convenio de aplicación ten que ser o de transporte de viaxeiros/as da provincia da Coruña.
Deste modo, ALSA, está condenando ao persoal de Maitours a ter unhas condicións laborais e salariais máis precarias que as do resto do persoal que forma parte da UTE, xa que ademais de non aplicar as subas salariais, existen conceptos, como dietas e antigüidade que estes traballadores e traballadoras non están a cobrar.
A isto hai que engadir os incumprimentos por parte da empresa de acordos acadados coa Representación legal dos traballadores, no tocante a compensación de festivos, organización do traballo, días de descanso e un longo etc.
O deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, xunto co portavoz municipal no Concello de Ferrol, Iván Rivas, acompañou hoxe ao persoal en folga na protesta realizada diante do Concello, e informou aos representantes do persoal que levará o asunto ao Parlamento a través dunha proposición non de lei na que demandará da Xunta a implicación urxente na resolución do conflito exixindo á empresa concesionaria a aplicación a todo o cadro de persoal do Convenio provincial de transporte de viaxeiros.