O BNG leva ao Parlamento Galego a situación dos accesos ao Parque Natural das Fragas do Eume
Os numerosos problemas deste verán para visitar o canón do Parque e o mosteiro de Caaveiro, que acumularon titulares de prensa e numerosas protestas das persoas visitantes, producidos polo mal estado da única estrada de acceso desde o Concello de Pontedeume. Segundo o deputado do BNG, Mon Fernández, “estas queixas non só non provocaron rectificación ou actuación correctora ningunha por parte da Xunta de Galiza, senón que ven de ratificarse no seu rexeitamento a ocuparse do mantemento desta infraestrutura aínda a custo de ter que recomendar a súa non utilización por problemas de seguridade, o que significa de facto que a Xunta corta o acceso ao canón das Fragas e ao mosteiro de Caaveiro, as zonas máis visitadas do Parque natural”
Mon Fernández afirmou tamén que “esta posición, absolutamente inimaxinábel por parte de ningún goberno do mundo ao respeito dos seus propios Parques naturais, pretende xustificala no feito de non ser esta estrada da súa titularidade, cuestión controvertida e que está sendo obxecto de análise, pasando por alto que era a Xunta de Galiza a que historicamente viña facendo o mantemento da estrada até o de agora” engadindo que “a Xunta fixo deixación desas labouras, sen aclarar a que administración lle correspondería facelo, e polo tanto sen alternativa e sendo evidentes as consecuencias que isto podería provocar no curto prazo, e máis aínda obviando que como titular do Parque natural pode considerarse responsábel de garantir o bon estado do seu principal medio de acceso”
Á vista desta situación, o deputado trasladou ao Parlamento varias iniciativas –tanto ao xeito de pregunta en comisión coma no pleno- na que se demanda instar á Xunta de Galiza a realizar as actuacións de mantemento e reparación necesarias na estrada de Ombre para garantir o acceso ao Parque natural das Fragas do Eume en condicións de seguridade, mentres non haxa outra administración que asuma a realización destas tarefas.