BNG insta a desbloquear a creación do Fondo para a compensación das vítimas do amianto
Desde o día 13 de abril, data na que se votou a favor a súa toma en consideración, está bloqueada na comisión de traballo do Congreso dos deputados a Proposición de lei da creación dun Fondo de compensación para as vítimas do amianto, proposta presentada polo Parlamento Vasco.
Segundo Mon Fernández, autor da iniciativa no Parlamento Galego "a transcendencia de que chegue a constituírse este Fondo, de igual xeito que existe en outros países europeus da nosa contorna como Franza, Holanda ou Bélxica, é máxima para un número elevadísimo de persoas e para as súas familias, en todo o Estado español, mais sobre todo, no noso país e dun xeito ben específico na nosa comarca"
O deputado nacionalista afirma, ademáis que "a parte dos graves problemas de saúde, un dos principais problemas que atopan as persoas afectadas e as súas familias para atopar unha xusta reparación do dano, é a obriga de pasar por complexos e prolongados procesos xudiciais, nos que para comezar xa resulta difícil identificar ou localizar á empresa empregadora responsábel do dano, dado o moito tempo que pode ter pasado entre a exposición e a aparición da enfermidade"
A isto hai que engadirlle os importantes custos económicos e emocionais que as persoas afectadas e as súas familias vense na obriga de enfrontar, e que coa creación deste fondo, e con un funcionamento áxil e ambicioso en canto as coberturas, poderían aliviarse sensibelmente.
Recentemente ven de facerse pública a aceptación do goberno do estado, no trámite de aprobación dos seus orzamentos xerais, dunha emenda parcial para dotar con 25 millóns de euros este fondo, cousa que debemos celebrar, mais sen perder de vista que a constitución do Fondo, polo de pronto, segue bloqueada na comisión de Traballo do Congreso.
É por isto que desde o BNG vimos de presentar unha iniciativa diante da Mesa do Congreso instando a pechar o trámite para presentación de emendas que ven prorrogándose sistematicamente cada 20 días desde o 13 abril, e no mesmo sentido, unha Proposición non de lei no Parlamento Galego para que se manifeste demandando o desbloqueo da creación de este Fondo.