A EXECUTIVA COMARCAL CONSIDERA POSITIVA A POSIBLE IMPLANTACIÓN DA EMPRESA, PERO RECLAMA GARANTÍAS, TRANSPARENCIA E UN COMPROMISO REAL COA INDUSTRIA GALEGA
O BNG de Ferrolterra ve no proxecto de SAIC unha oportunidade para reforzar a industria da comarca e reclama garantías para a súa materialización
Ferrolterra 6 de xullo de 2026. A Executiva Comarcal do BNG de Ferrolterra considera positiva, a posibilidade de que o proxecto industrial de SAIC poida instalarse na comarca, ao entender que podería abrir unha nova oportunidade para recuperar actividade produtiva nun territorio que leva demasiado tempo sufrindo as consecuencias da desindustrialización e da ausencia dunha política industrial sostida.
Porén, o BNG advirte de que resulta prematuro presentar esta operación como un feito consumado. A organización nacionalista critica a campaña propagandística impulsada pola Xunta de Galiza, que está a trasladar á opinión pública unha imaxe de certeza sobre un proxecto que aínda non está definido nin conta coas garantías necesarias para asegurar a súa execución.
A Executiva Comarcal considera irresponsable anunciar cifras concretas de investimento ou de creación de postos de traballo cando aínda se descoñecen aspectos fundamentais do proxecto e non existen compromisos firmes que permitan asegurar que esas previsións chegarán a cumprirse. "Ferrolterra non necesita propaganda nin novos anuncios grandilocuentes; necesita proxectos industriais que se fagan realidade", sinalan desde o BNG.
Neste sentido, a organización lembra o precedente de Sentury nas Pontes, presentado no seu día como un gran proxecto industrial e que finalmente non chegou a materializarse. "A comarca xa sufriu demasiadas promesas incumpridas como para volver crear expectativas sen unha base sólida", advirte a Executiva Comarcal.
O BNG insiste en que, de confirmarse finalmente a implantación de SAIC, podería representar unha oportunidade importante para avanzar nunha demanda histórica da formación: diversificar o sector da automoción en Galiza e reducir a dependencia case exclusiva de Stellantis. A incorporación dun novo operador internacional permitiría fortalecer o tecido industrial galego e abrir novas posibilidades estratéxicas nun sector en plena transformación.
A Executiva Comarcal destaca, ademais, que Ferrolterra reúne condicións favorables para acoller unha iniciativa destas características, grazas á súa tradición industrial, ao coñecemento técnico acumulado, á súa posición loxística e á capacidade da industria auxiliar galega. Ao seu xuízo, un proxecto deste alcance debe traducirse en valor engadido para o territorio, favorecer a participación das empresas galegas na cadea de subministración, impulsar a innovación e consolidar unha base industrial con efectos duradeiros para a economía da comarca e do conxunto do país.
A organización lembra tamén que a automoción chinesa está a situarse entre as máis avanzadas do mundo desde o punto de vista tecnolóxico, polo que considera que un proxecto liderado por SAIC podería contribuír a reforzar a conexión entre industria, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, permitindo que Galiza gañe peso nos segmentos de maior valor engadido da cadea de valor da automoción.
Por todo isto, a Executiva Comarcal do BNG de Ferrolterra anuncia que fará un seguimento rigoroso da evolución deste proxecto e apoiará todas aquelas iniciativas que supoñan actividade produtiva real, emprego de calidade e futuro industrial para a comarca. Ao mesmo tempo, reclama ás administracións públicas transparencia durante todo o proceso, garantías sobre o cumprimento dos compromisos adquiridos e a defensa dos intereses de Galiza, para que, se finalmente o proxecto sae adiante, sirva para crear unha base industrial sólida, reforzar a industria auxiliar galega e contribuír a unha automoción máis diversificada, máis avanzada tecnoloxicamente e con maior retorno económico e social para Ferrolterra e para o conxunto do país.