O BNG denuncia os recortes da Xunta no ensino público da comarca

Mon Fernández
Mon Fernández

O BNG levará ao Parlamento Galego a eliminación dunha unidade de infantil no CEIP da Gándara, do Concello de Narón

O BNG denuncia os recortes da Xunta no ensino público da comarca

Haberá 8 meses desde que o BNG presentou unha batería de iniciativas parlamentarias demandando da Xunta de Galiza unha actuación urxente para solucionar os graves problemas que padecen as instalacións do CEIP da Gándara, entre os que debemos salientar pola súa gravidade o feito de seren as pingueiras continuas, ou a necesidade de aumentar o espazo cuberto do patio exterior.

Segundo o deputado nacionalista, Mon Fernández, autor da iniciativa parlamentariago "a día de hoxe, unha vez rematado o curso, debemos denunciar que a situación do CEIP non só non mellorou en canto as súas instalacións senón que veñen de recibir comunicación por parte da Consellaría de Educación do peche dunha unidade de 4º de educación infantil"

Engadíu Mon Fernández que "desde o BNG facemos nosas as protestas e demandas que sobre este peche está a transmitir dun xeito unánime toda a representación da comunidade educativa do centro, así como as súas valoracións sobre a necesidade de diminuír ratios, sobre os problemas que o peche desta unidade representa para todas as crianzas mais en especial para aquelas que teñen algún tipo de necesidade de apoio, os problemas para a viabilidade do centro no futuro máis inmediato, ou (e sobre todo) a indisimulada política da Xunta de Galiza de reducir a oferta do ensino público para encamiñar o alumnado cara os centros concertados, un obxectivo político do Partido Popular para o que non ten reparo en atrasar as necesarias obras de mantemento e conservación dos centros públicos, o que no contexto demográfico da Galiza e da comarca de Ferrol, e de competencia entre centros educativos polas matrículas, representa un punto de partida en franca desvantaxe"

Este novo recorte no ensino público da nosa comarca súmase aos á problemática dos ciclos de FP. Até 6 ciclos que na actualidade se impartían na modalidade presencial pasarán a impartirse unicamente a distancia, mentres que algún centros concertados levan desde hai xa algúns anos aumentando significativamente a súa oferta presencial de ciclos de FP.

Segundo o deputado nacionalista, "estamos perante unha política e unhas prácticas absolutamente obscenas por parte de quen ten a obriga de promover e xestionar o sistema de ensino público do noso país, un dos piares fundamentais de calquer sociedade democrática e avanzada, optando por entregar os nosos servizos esenciais a empresas privadas subvencionadas con diñeiro público"

É por isto que o grupo parlamentar do BNG presenta a seguinte PNC - PNL

“O Parlamento de Galiza insta á Xunta a promover unha reunión entre o Conselleiro de educación, a dirección do CEIP da Gándara no Concello de Narón e a súa ANPA, para pactar unha relación de obras que se incluirán no orzamento do ano 2024, así como o mantemento da unidade de 4º de educación infantil, para o que se tomarán as medidas de reorganización necesarias”

Así como as seguintes PREGUNTAS ORAIS EN COMISIÓN

1. Ten coñecemento a Xunta de Galiza do estado de conservación dos CEIP da Gándara no Concello de Narón?

2. Por que a Xunta de Galiza desatende as demandas do equipos directivo deste centro? Acaso non as considera graves, ou necesarias?

3. Cónstalle á Xunta de Galiza que a estrutura do edificio deste centro de ensino estea fora de risco?

4. Que opina a Xunta de Galiza de que haxa placas de fibrocemento no centro de ensino?

5. Que opina a Xunta de Galiza de que haxa pingueiras nas aulas, de que as xanelas no pechen, ou de que a calefacción non funcione?

6. Como considera a Xunta de Galiza que afectan estas eivas nas instalacións do centro no número de matrículas?

7. Por que a Xunta de Galiza non opta pola reorganización interna e a redución de ratios antes de pechar unha unidade escolar? Non aumentaría a calidade do ensino no centro? Non sería esta o forma de promover unha recuperación do número de matrículas no centro?

8. Por que a Xunta de Galiza desbota este tipo de medidas, aínda que sexan temporais, colaborando na consolidación dunha redución de matrículas que podería ser corrixida?

O BNG denuncia os recortes da Xunta no ensino público da comarca