O BNG DEMANDA SOLUCIÓNS PARA O SERVIZO DE FISIOTERAPIA NA ÁREA SANITARIA DE FERROL

Foto da reunión
Reunión da portavoz do BNG en materia de sanidade, Montse Prado, e o deputado Mon Fernández co presidente do Colexio de Fisioterapeutas de Galiza, Gustavo Paseiro

O deputado Mon Fernández ven de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento Galego para mellorar un servizo que no caso de Ferrol arrastra listas de espera de máis de 4 anos

O BNG DEMANDA SOLUCIÓNS PARA O SERVIZO DE FISIOTERAPIA NA ÁREA SANITARIA DE FERROL

Hai que lembrar que durante o ano 2022 incorporáronse 4 fisioterapeutas na área sanitaria de Ferrol para facer un total de 16 persoas prestando este servizo, que atenden unha área sanitaria que ao peche do exercicio 2021 tiña un total de 174.398 tarxetas sanitarias activas.

Segundo o deputado do BNG “Isto significa un ratio de 0,091 fisioterapeutas por cada 1.000 tarxetas, por debaixo da media do SERGAS que está en 0,1 e a anos luz da recomendación da OMS de 1 fisioterapeuta por cada 1.000” concluíndo ao respecto que “este ratio escandalosamente baixo dáse no ámbito dunha área sanitaria especialmente envellecida en comparación coas outras 170 áreas sanitarias do estado español, ocupando a duodécima posición de entre as máis envellecidas e case que duplicando o índice medio do estado (273 fronte ao 141,1), sendo un dato especialmente relevante para ponderar a necesidade deste servizo, xa que a poboación que máis o demanda e a maior de 65 anos”

No texto da iniciativa, Mon Fernández fai fincapé no feito de que “á infradotación deste servizo hai que engadir outras problemáticas ou dificultades, como a inexistencia da Carteira de servizos de Fisioterapia, e que na área sanitaria de Ferrol non se poida facer derivación directa desde o médico de atención primaria (MAP) para consulta co fisioterapeuta” engadindo ademáis que “estes feitos provocan que na área sanitaria de Ferrol a fisioterapia funcione case exclusivamente como un servizo de carácter hospitalario, e que as listas de espera de atención primaria sexan tan prolongadas que de feito expulsan ás persoas doentes do sistema de saúde pública cara clínicas privadas, como demostra o feito de que no Fontenla Maristany (Centro que atende Ferrol, Cedeira e San Sadurniño) estean chamando a citas preferentes do ano 2018”

Conclúe o deputado do BNG que “a solución desta problemática non só melloraría a prestación do servizo de fisioterapia, coas positivas repercusións que isto traería para multitude de asuntos a parte das obvias, como por exemplo a formación e pedagoxía coa poboación, as diagnoses, etc, e aínda axudaría tamén a desconxestionar as axendas e as consultas dos médicos de atención primaria, cuestión esta que debería ser unha das principais preocupacións dos responsábeis políticos do noso sistema público de saúde”

A fío de toda esta situación,  o Grupo parlamentar do BNG presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 5ª:

“O Parlamento de Galiza insta á Xunta e resolver os problemas do servizo de fisioterapia aprobando de xeito inmediato a carteira de servizos desta profesión, habilitando a derivación directa desde o MAP, así como a aumentar o cadro de persoal de profesionais até o ratio recomendado pola OMS”
O BNG DEMANDA SOLUCIÓNS PARA O SERVIZO DE FISIOTERAPIA NA ÁREA SANITARIA DE FERROL