BNG demanda solucións para o saneamento do Concello de Neda
A portavoz municipal Cristina Bouza, e o deputado Mon Fernández, anuncian a presentación de varias iniciativas parlamentarias reclamando explicacións pola actual situación e unha solución definitiva para un problema que xa acumula moitos incumprimentos
Vimos de asistir ao milésimo problema co saneamento da ría de Ferrol e ás consecuencias que desta situación se derivan para a produción marisqueira dunha ría xa en situación crítica.
Neste caso uns vertidos producidos no Concello de Neda que, segundo a portavoz municipal Cristina Bouza “están a producir manifestacións encontradas por parte do alcalde do Concello e da Conselleira de infraestruturas da Xunta de Galiza, traen de novo ao debate comarcal a situación do saneamento nos Concellos da ría e as súas respectivas problemáticas, xa que a diversidade de actores e de solucións é grande”
Mon Fernández, deputado do BNG e autor da iniciativa parlamentar, incidíu no feito de que “o único organismo que semella facer parte de todas e cada unha das diferentes solucións é Augas de Galiza, tanto na marxe esquerda da ría, como na dereita (Ferrol-Narón), e aínda neste caso tamén coas súas propias diferenzas entre as instalacións de depuración e a rede de interceptores, entre a execución das obras e xestión da infraestrutura”
Cristina Bouza engadíu que “no que respeita ao Concello de Neda ,tamén a Xunta de Galiza, a través do seu organismo Augas de Galiza, comprometeu a súa colaboración no ano 2014 para financiar o 100% dunhas obras que tiñan como finalidade solucionar os problemas de funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e da rede colectores do municipio, obras que nunca remataron”
O deputado do BNG fixo fincapé en que “o feito que hoxe aparece como máis controvertido é precisamente por que razóns o saneamento do Concello de Neda quedou fora dos convenios para o sistema xeral de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol, precisamente nunha etapa na que gobernaba no Concello, na Xunta e no Estado o Partido Popular, por que non se remataron as obras comprometidas pola Xunta de Galiza no ano 2014, e sobre todo, cal ha de ser a solución a futuro”
Por estas razóns o BNG ven de presentar unha serie de iniciativas tanto no Parlamento Galego como no Congreso dos deputados reclamando explicacións, e sobre todo solucións.