O BNG cualifica de desastrosos os orzamentos da Xunta para a comarca de Ferrol
Sen consignacións económicas para o sector naval, a transición enerxética ou a rexeneración da ría, e consolidando a infradotación de servizos públicos básicos
O deputado Mon Fernández tamén fixo referencia á posición do Presidente Rueda nos debates de política estatal asegurando que padece o “síndrome de Stephen Candie”
O BNG compareceu hoxe publicamente para valorar os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2024. Uns orzamentos que medran no seu conxunto un 4,3% respeito os do ano anterior grazas en boa medida aos fondos para a Recuperación e Resiliencia, que como lembrou o BNG teñen data de caducidade e que sen eles a suba dos orzamentos non chega nin a compensar a inflación acumulada durante o que levamos de ano 2023.
A organización nacionalista destacou os recortes en partidas como o comercio, con un 14% menos, un sector no que desapareceron 5.000 autónomos e autónomas os últimos 10 anos, o desenvolvimento empresarial con un 6% menos, en pleno cambio de modelo, as actuacións ambientais con un 13% menos ou a conxelación do Fondo para a cooperación local.
Aumentan, aínda que menos do 4,3% que o conxunto dos orzamentos, Sanidade e Educación, o que desbota calquer posibilidade de recuperar algo do terreo perdido durante estes anos de goberno do Partido Popular caracterizados polos recortes nos servizos públicos básicos. E aumenta a consignación para a acción social, o terceiro brazo aínda por desenvolver que debería ter un estado realmente social, e que deixa sen resolver todos os problemas estruturais deste tipo de prestación de servizos absolutamente fundamentais como son residencias, dependencia ou axuda no fogar.
En canto á nosa comarca o deputado Mon Fernández manifestou que uns orzamentos que non consignan cantidade ningunha para a rexeneración da ría, para o sector naval ou para a transición enerxética e a reindustrialización das Pontes cualifícanse por si sos, “son un auténtico desastre”.
Do mesmo xeito os presentes orzamentos abandonan a mellora de centros de ensino con grandes deficiencias, algúns que foron obxecto de iniciativas particulares durante a lexislatura, ou a mellora da dotación dos centros de saúde de toda a comarca, que tamén cada pouco tempo son obxecto de queixas e denuncias por parte de diferentes localidades da nosa comarca.
O deputado Mon Fernández fixo tamén unha valoración sobre a insuficiencia dos orzamentos da Xunta de Galiza para atender debidamente as necesidades de galegos e galegas, e para impulsar políticas propias en materias tan sensíbeis na nosa comarca como a industrial, o que evidencia a necesidade de conseguir un novo sistema de financiamento autonómico sobre a base da autoxestión dos recursos propios.
Neste sentido manifestou que o presidente Rueda padece o coñecido como “síndrome de Estephen Candie”, o mordono negro da película Django que se enfurece ao ver chegar un home negro montado a cabalo, e cando o seu dono lle pregunta se el tamén quere un cabalo contesta que non, que el o que quere é que o outro non o teña.
“Esta é a actitude do presidente Rueda nos debates de política estatal. Non destacarse por reivindicar nada para Galiza mais queixarse e denunciar o que outros territorios ou países como Cataluña demandan para mellorar o seu autogoberno e, en consecuencia, a economía, os servizos públicos e a vida dos seus pobos.”
Neste sentido desde o BNG manifestaron tamén estar totalmente preparados para gañar as próximas eleccións galegas e constituír un goberno con un proxecto de país ambicioso, pensado para todos e todas os galegos e galegas.