O BNG chama a participar na manifestación convocada pola PLATAFORMA PARA UN TRANSPORTE PÚBLICO DE CALIDADE para o mércores día 20

BNG transporte 2
BNG transporte 2
O BNG chama a participar na manifestación convocada pola PLATAFORMA PARA UN TRANSPORTE PÚBLICO DE CALIDADE para o mércores día 20

Nunha reunión celebrada no día de onte con representantes da Plataforma o BNG manifestoulles o seu apoio á manifestación así como a súa disposición a presentar unha batería de iniciativas parlamentarias sobre as deficiencias deste servizo público básico

Na reunión participaron en representación do BNG a Deputada provincial e responsábel comarcal para os Movementos sociais María Muíño, o deputado no Parlamento galego e portavoz para os temas de mobilidade Kai Ríos, e máis o deputado no Parlamento para os temas da comarca de Ferrol Mon Fernández.

Nesta reunión as representantes da Plataforma deron conta da nula votade que atopan na Xunta de Galiza por solucionar os graves problemas de transporte que afectan á comarca de Ferrol, tanto á liña Ferrol-Coruña, como ás liñas de comarcais, con especial incidencia no transporte de persoas traballadoras e estudantes, e ratificáronse na necesidade de actuar socialmente e de mobilizarse para demandar o que consideran un servizo público básico.

Cuestións como a mala conservación dos vehículos, con avarías constantes, os atrasos e modificacións de horarios inxustificados e mal publicitados, fan parte dunha problemática que xa se prolonga moito no tempo. A representante da Asociación Teima Down (parte da Plataforma) facía fincapé nas consecuencias especialmente graves que para este colectivo implican a carencia dun servizo público de transporte de calidade.

O deputado Kai Ríos explicou que "lonxe de ser un problema comarcal estamos perante un comportamento común a todo o país, un problema absolutamente determinado pola conivencia entre a Xunta de Galiza e a empresa MONBUS, que pouco a pouco foise facendo co 80% do transporte por estrada concesionado pola Xunta de Galiza. Unha conivencia ou complicidade que vai desde a tolerancia cos reiterados e coñecidos incumprimentos por parte de MONBUS dos termos das concesións, até a facilidade e inmediatez con que a Xunta compensa á empresa polos prexuízos económicos derivados da pandemia, nun primeiro momento, ou da suba dos combustíbeis, máis recentemente, e que contrasta coa ausencia de axudas para outros colectivos tamén afectados". E tamén informou ás representantes da Plataforma da presentación de accións xudiciais contra a empresa e a Xunta por parte dun grupo de empresas do transporte agraviadas por esta complicidade entre MONBUS e a propia Xunta de Galiza.

Desde o BNG reiteranos a nosa aposta decidida porque Galiza e a comarca de Ferrol conten con un transporte público de calidade, tanto por estrada como ferroviarios, a comezar polos servizos de proximidade, que axuden a vertebrar o territorio con criterios de mobilidade accesíbel, de calidade e sustentábel.

O BNG chama a participar na manifestación convocada pola PLATAFORMA PARA UN TRANSPORTE PÚBLICO DE CALIDADE para o mércores día 20