O BNG de Cedeira desminte á Xunta de Galiza: "A situación do CEIP Nicolás del Río é consecuencia directa da política de recortes do PP"
O BNG impulsará unha iniciativa no Parlamento Galego exixindo a solución inmediata dos problemas do Centro educativo.
“Era o que faltaba”, así reaccionaba Jose Arribe, o portavoz municipal do BNG de Cedeira diante das informacións vertidas pola Xunta de Galiza na prensa comarcal sobre a responsabilidade do Concello de Cedeira no estado de deterioro do CEIP NICOLÁS DEL RÍO.
O portavoz municipal fai fincapé no feito de existir desde hai 20 anos a promesa de construción dun novo centro escolar por parte da Xunta de Galiza para substituír este, ante as demandas reiteradas por parte da comunidade educativa e máis da totalidade da corporación municipal que naquela altura encabezaba o propio Partido Popular.
“Agora que non gobernan eles no Concello a responsabilidade é nosa? Hai que ter pouca vergoña!!” insiste Arribe, para poñer o foco de novo na situación do centro, e destacar que o Concello leva gastados máis de 150.000€ nos últimos anos en infantil e mantemento, pero a localización do centro, moi perto do mar, e a súa antigüidade fan que sexa precisa unha reforma integral que lle compete á Xunta de Galiza.
Desde o BNG da localidade de Cedeira lembran que o CEIP NICOLÁS DEL RÍO atópase moi perto da praia da Madalena e polo tanto as súas instalacións están sometidas á acción da área e do mar, así como a duras condicións climatolóxicas desde o momento mesmo da súa construción no ano 1972.
As queixas do equipo directivo e máis do concelleiro de educación, o compañeiro do BNG Noel López, teñen sido reiteradas sobre o estado do edificio e a necesidade urxente dunha reparación en profundidade das fachadas e das cubertas, xa que a entrada de auga no interior do colexio, en algún caso a través de focos eléctricos, o deterioro continuo e pequenos desprendimentos da fachada son realmente alarmantes. En palabras do Concelleiro, “a seguridade das persoas está comprometida”.
O intercambio de correos electrónicos cos responsábeis da Consellaría de Educación a este respeito foi numeroso, comenta, mais tamén infrutuoso, xa que algúns dos correos enviados nunca foron contestados, “non nos informan de nada, nin do comezo das obras, iniciadas sen previo aviso, nin de en que consiste o proxecto que está a executarse, nin a data prevista de remate das obras”, que por certo, están a prexudicar gravemente a mobilidade do alumnado do centro que se ve na obriga de saír do recinto escolar para pasar dun edificio a outro.
O deputado do BNG no Parlamento Galego, Mon Fernández, visitou o centro acompañado do grupo municipal, que o informou tamén da situación do persoal, denunciando que, na liña fixada pola Xunta do Partido Popular, a dotación de persoal, docente e coidadores, tamén é obxecto de recortes, a comezar pola eliminación dunha unidade de 6º de primaria, deixando dous grupos con 22 alumnos e alumnas cada un, é dicir, incumprindo os rateos establecidos no famoso acordo de xaneiro, demostrando que non foi máis que unha nova fraude do Partido Popular para continuar a súa política de recortes, e que neste centro concrétase, polo de pronto, nun titor e nun especialista menos.
Isto significa evidentemente menos horas do equipo docente, e polo tanto a imposibilidade de seguir con varios dos programas que até o curso pasado existían no centro, programas destinados a mellorar a atención e a educación dos nenos e nenas nun sentido integral.
O recorte chega ao comedor, un servizo que utilizan 220 nenos e nenas e que atenden na actualidade 2 persoas, por estar unha de baixa, dun cadro xa insuficiente de 3. Mais o peor, o que máis se resinte, é a atención á diversidade funcional, deixando algunha persoa nunha situación máis que precaria, como o caso dunha nena de 7 anos altamente dependente que será privada da atención permanente que precisa.
Neste caso o recorte en coidadores no último ano foi reducir de 3 a 1,5, pasando polos 2 que remataron o curso pasado despois dunha intervención máis que cuestionábel do Equipo de orientación específico da Consellaría que pasou por alto as recomendacións do equipo de orientación do centro.
A reunión do grupo municipal do BNG de Cedeira co deputado concluíu coa decisión de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento Galego (acompañamos en adxunto) para demandar a resolución urxente de todos os problemas deste Centro de ensino da Vila de Cedeira, e cuxa parte resolutiva será como segue:
“O Parlamento de Galiza insta á Xunta a:
1. Reunirse coa dirección do centro, a ANPA e representantes do Concello para tratar as necesidades de infraestruturas e de persoal do CEIP Nicolás del Río
2. Incluír no orzamento para o ano 2025 unha partida suficiente para resolver todos os problemas das instalacións do CEIP Nicolás del Río
3. Aumentar de xeito inmediato o número de persoas coidadoras para atender as necesidades do alumnado con diversidade funcional e dependente, así como o persoal de comedor
4. Recuperar as 3 unidades de 6º de primaria cumprindo o acordo de rateos.
5. Recuperar o proxecto iniciado hai 20 anos de construír un novo centro escolar no Concello de Cedeira