"QUEREMOS DOTAR AO NOSO PAÍS DE MÁIS PRAZAS DE RESIDENCIAS PÚBLICAS DE XESTIÓN DIRECTA"
O BNG AVOGA POR UN NOVO MODELO DE COIDADOS CENTRADO NAS PERSOAS
Ferrol 3 de febreiro de 2024. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrolterra mantivo esta mañá un encontro xunto a traballadoras dos sectores de residencias, centros de día, SAF e dependencia no que avogou por impulsar a posta en marcha dun novo modelo de coidados centrado nas persoas que rache co modelo mercantilista dos últimos 15 anos impulsado polo Partido Popular.
Mon Fernández, candidato comarcal do BNG, explicou a proposta do BNG de construír e dotar ao noso país de máis prazas de residencias públicas de xestión directa e neste sentido comprometeu a xestión pública directa das 5 residencias de maiores que vai construír a Fundación Amancio Ortega entre elas a que se esta a levantar en Ferrol así como iniciar a reversión ao público das residencias privatizadas.
Mon Fernández lembrou que 8 de cada 10 prazas de residencias en Galiza son privadas e están xestionadas por grandes grupos de investimento: DomusVI ou entidades relixiosas, criticou que o Goberno do PP drena cantidades inxentes de diñeiro público cada ano para soster o negocio destas empresas e entidades privadas. Segundo os datos dos Orzamentos da Xunta de 2024: adican máis de 55 millóns de euros para pagar na privada unha praza de residencia para persoas que tendo dereito a unha na pública non teñen praza libre á que ir. A Xunta adica máis de 96 millóns de euros en concertos e privatizacións de residencias para maiores. Para iso é preciso incrementar o número de prazas públicas en reisdencias e centros de día.
Outra cuestión é a necesidade de incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar aportado pola Xunta até o situar en 20 euros/hora permitindo atender a máis persoas, mellorando a atención e as condicións laborais das traballadoras e aliviando a carga económica que supón o sostemento deste servizo para os concellos.
Mon Fernández considera que o novo modelo de coidados ten que centrarse nas persoas a través do despregamento de novos servizos de atención no fogar cun enfoque preventivo e rehabilitador dirixido a promover a autonomía persoal, prever a dependencia e garantir o dereito a unha vellez digna e tranquila no propio fogar. Para iso cómpre ampliar o servizo de Xantar na Casa facendo del unha ferramenta encamiñada a combater, entre outras cuestións, a soidade non desexada.
A creación dun Servizo de orientación e promoción da actividade física (SOPAF) dirixido a poboación maior de 65 anos cunha vida sedentaria que, por prescrición médica, dos servizos sociais ou por propia vontade, queiran mellorar a súa saúde e condición física. O Impulso de actividades comunitarias que favorezan a participación e combatan a soidade non desexada co apoio de asociacións e programas de voluntariado específicos como accións de lecer cotián, encontros inter-xeracionais son outras das medidas a adoptar.