O BNG solicita a paralización urxente dos traballos na mina “As Viñas” no Concello das Somozas
Os veciños e veciñas da parroquia da Toca, no Concello das Somozas, solicitaron a intervención e o apoio do BNG no conflito que manteñen coa empresa Francisco Gómez y Cia e máis coa Xunta de Galiza, por causa dos movementos de terras e outros traballos de preparación iniciados recentemente para explotar a mina coñecida como “As Viñas”.
Esta mina foi obxecto de autorización hai agora 25 anos sen que nunca chegara a iniciarse a súa explotación, tal como testemuñan os propios veciños, preocupados e preocupadas sobre todo pola súa propia seguridade, polo fluxo de vehículos pesados de carácter industrial, polos ruídos, e polos visibles efectos que este trafego de terras e camións está a ter xa a día de hoxe no río Grande Xuvia a través dos seus afluentes.