O BNG presenta unha iniciativa no Parlamento reclamándolle á Xunta anular o recorte de profesorado en Cedeira

Xuntanza dirección Cedeira
A Xunta de Galiza ven de comunicar en pleno mes de agosto un recorte de 14 profesores e profesoras para o próximo curso

O deputado Mon Fernández, a responsábel comarcal Mercedes Tobío, e representantes do BNG da localidade de Cedeira reuníronse co equipo directivo do IES que ven de comunicar a súa dimisión en bloque en resposta ao recorte comunicado pola Xunta.

Durante a reunión lembraron que precisamente hai 37 anos a sociedade de Cedeira se mobilizara demandando para a localidade unha oferta educativa variada e de calidade, e
que efectivamente o impacto do centro educativo deixárase notar moi positivamente, sobre todo en canto ás expectativas laborais da mocidade.

Por parte do equipo directivo fixeron énfase en que a tesoirada da Xunta non está xustificada do punto de vista da evolución das matrículas durante os últimos 10 anos, e que
os recortes significan liquidar un modelo de éxito que ven conseguindo numerosos premios durante todos estes anos. A educación de adultos, algún ciclo, numerosas optativas, a aula de convivencia, a biblioteca, as gardas.... todo o modelo do centro vai ser duramente castigado.

Desde o BNG queremos salientar a importancia radical que un ensino público de calidade ten para o desenvolvemento de calquer territorio, e denunciamos a hipocrisía do Partido
Popular que ao mesmo tempo que fala de crise demográfica e de lexislatura do rural, recorta precisamente naqueles servizos públicos con maior capacidade para fixar
poboación nos territorios. 

En consecuencia ven de presentar unha proposición non de lei demandando á Xunta a anulación das medidas comunicadas ao IES PUNTA CANDIEIRA da vila de Cedeira.