BNG presenta emendas da comarca aos orzamentos da Xunta do 2025

Os deputados Mon Fernández e Xosé Manuel Golpe
Os deputados Mon Fernández e Xosé Manuel Golpe
BNG presenta emendas da comarca aos orzamentos da Xunta do 2025

O Grupo Parlamentar do BNG deu conta hoxe en rolda de prensa da presentación de 77 emendas parciais (*) aos orzamentos da Xunta relacionadas coas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal que suman un total de 157.595.000€.

12 relacionadas co medio ambiente; 11 cos centros de ensino; 10 co patrimonio histórico; outras 10 coa reactivación económica, das cales 7 de fomento da reindustrialización e 3 para a recuperación da produción marisqueira, ás que habería que engadir 10 destinadas ao saneamento de diferentes zonas da comarca que loxicamente tamén redundarían sobre a produción marisqueira; outras 7 de construción ou recuperación de vivenda; 8 de política social; e finalmente 7 de mellora da rede viaria e 2 de transporte.

Como dicía 77 emendas nun exercicio complexo, dadas as dificultades deste trámite dos orzamentos, coas que a través da participación e colaboración de todas as localidades estamos en disposición de mellorar substancialmente o proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza para o vindeiro 2025.

Hai cuestións nas nosas comarcas comúns a todas as zonas de Galiza, mais hai dúas moi particulares e totalmente relacionadas, a crise industrial e a crise demográfica.

Desde o BNG sempre denunciamos que o caso da cidade de Ferrol era o único no conxunto do estado español, a única cidade que perdeu 1/3 da súa poboación. Hoxe hai engadir a este podio da perda de habitantes a vila das Pontes que tamén leva perdido un 1/3 da súa poboación.

Nos dous casos por causa de crises industriais sen resolver, e nos que a Xunta de Galiza mantén unha actitude meramente contemplativa. A ausencia de calquer consignación orzamentaria para a reactivación industrial das Pontes ou de Ferrol son o común denominador de cada un dos 14 orzamentos dos gobernos do Partido Popular.

Do mesmo xeito que a rexeneración ría de Ferrol. Unha ría ao borde do colapso produtivo que mantén unha tendencia á baixa que a día de hoxe pode cuantificarse nunha perda de máis do 85% da súa produtividade de hai 25 anos.

Desde o BNG temos que lembrar, coma sempre, que a produción marisqueira é competencia exclusiva da Xunta de Galiza, polo que debe ser a Xunta quen se poña á fronte das tarefas de rexeneración, reivindicando a colaboración da administración estatal para o que fose preciso, mais a inacción que durante todos estes anos mantén o goberno galego non é de recibo.

O mesmo respeito da VAC Ferrol-Ortegal-Ribadeo, unha infraestrutura que leva anos paralizada e que resulta fundamental para a recuperación de toda a comarca de Ortegal, unha das máis envellecidas de toda Galiza e máis castigada pola falta de diversificación e dinamismo económico.

Na outra banda, a posta en marcha dun plan de dinamización do Parque Natural das Fragas do Eume e a posta en valor do Mosteiro de Sta. María de Monfero serían un evidente potente revulsivo para toda a comarca do Eume. Nos dous casos asuntos pendentes desde hai máis de 20 anos.

E por suposto a situación dos servizos públicos básicos, ensino, sanidade, e política social tamén están presentes nas nosas emendas.

Todos e todas puidemos comprobar ao comezo do curso escolar como se sucedían as protestas en practicamente case todos os centros de ensino. A política de recortes do Partido Popular non fixo máis que radicalizarse ano tras ano, e neste curso foron moitos os centros que viron recortado o seu cadro docente, ao mesmo tempo que continúan adiándose obras de reforma e reparación urxentes.

BNG presenta emendas da comarca aos orzamentos da Xunta do 2025