O BNG pregunta no Parlamento Galego pola implicación da Xunta de Galiza na erradicación da praga de moscas do Val (Narón)

Visita BNG ao Val
Olaia Ledo, portavoz municipal do BNG no Concello de Narón, Carlos González, membro do Consello Local, e Mon Fernández, deputado  no Parlamento Galego, visitaron a parroquia acompañados por unha das persoas afectadas

Durante os 2 últimos anos veñen producíndose pragas de moscas na parroquia do Val, no Concello de Narón. A causa pola que se producen estas pragas descoñécese. Prodúcense dun xeito intermitente, variando a duración, e mesmo os lugares. E aínda que sobre todo se producen nos meses de verán ultimamente están aparecendo de novo.

A intensidade da presencia das moscas é tal, cando se producen as pragas, que impide a realización dunha vida normal nas casas afectadas, sen entrar a valorar problemas de saúde pública que poidan estar relacionadas coa causa ou foco da praga, ou que poidan chegar a producise como consecuencia da presencia desmesurada das moscas.

Desde a asociación de veciños e veciñas teñen instado reiteradamente a actuación dos responsábeis municipais, sen que até o de agora desde o Concello de Narón puideran aclarar as causas nin ofrecer solucións, mais insistindo sempre na responsabilidade da Xunta de Galiza.

Por todas estas razóns, o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, presentou unha pregunta para resposta oral en comisión que deberá contestar o goberno galego, interesándose pola opinión da Xunta sobre a titularidade das competencias, sobre nivel de coñecimento, dos medios, e da implicación da Xunta de Galiza na solución deste problema, e chamando, en todo caso, a unha colaboración urxente e eficaz entre administracións para erradicar a praga.