O BNG reclama da Xunta a execución inmediata das obras da Vía de Alta Capacidade así como o impulso das proximidades ferroviarias para rematar coa incomunicación do Ortegal e dos concellos de paso

BNG denuncia a incomunicación da comarca do Ortegal e exixe medidas inmediatas

representantes do BNG no Ortegal

Ortegal 3 de novembro de 2025. Representantes do Bloque Nacionalista Galego denuncian o “abandono absoluto” da comarca do Ortegal por parte da Xunta, que continúa incumprindo os prazos de construción da Vía de Alta Capacidade Costa Norte, así como a negativa a reclamarlle ao estado a transferencia da liña ferroviaria de ancho métrico (antiga FEVE) para impulsar un servizo de tren de proximidade que debería ser o principal eixo de mobilidade entre Ferrol e a comarca do Ortegal conectando todos os concellos de paso.

A responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, xunto co alcalde de San Sadurniño,Secundino García, a alcaldesa de Moeche, Bea Bascoi, os portavoces municipais do BNG en Ortigueira, Cariño e As Somozas, así como os deputados no Parlamento Galego, Mon Fernández e X. M. Golpe, anunciaron a presentación dunha batería de iniciativas coas principais demandas da formación nacionalista para a conexión da comarca do Ortegal como primeiro paso necesario para garantir a igualdade de dereitos da cidadanía destes concellos, “a mobilidade condiciona todo”, manifestan, “o emprego, a educación, a saúde, a economía..., o goberno galego ten que garantir a igualdade de dereitos dos veciños e veciñas dos concellos do Ortegal”.

Outros territorios apostan polo ferrocarril de proximidade como principal eixo vertebrador pola súa funcionalidade, custos e impacto ambiental, mentres a Xunta de Galiza rexeita asumir e xestionar a actual infraestrutura no canto de reivindicala e potenciala, “non se entende que dispoñendo da infraestrutura o Goberno Galego consinta na ruína progresiva deste servizo básico, máis aínda cando é incapaz de dar alternativas”.

O atraso inxustificado das obras da VAC iniciadas no ano 2009, e a falta dun servizo de transporte público por estrada, son dous factores moi relacionados entre si que completan a tripla marxinación do Ortegal.

“Desde o BNG non vamos parar até que a mobilidade entre Ferrol e Ortigueira sexa unha prioridade política ineludíbel para a Xunta de Galiza, o Partido Popular non vai poder seguir virado de costas diante desta situación”, anuncian as portavoces da formación, que levarán diferentes mocións neste sen􀆟do a todos os concellos do territorio así como iniciativas ao Parlamento.