Visto para sentenza o xuízo penal promovido por Gumersindo Galego contra a ex-concelleira do BNG Mariela Aguilar a raíz da suspensión do pleno da moción de censura de outubro de 2017

Mariela acompañada de membros do Consello Comarcal do BNG

A Sala do Penal nº1 da Audiencia Provincial da Coruña acolleu a primeira hora desta mañá o xuízo oral contra Mariela Aguilar, ex-concelleira do BNG de Fene que hai case catro anos suspendeu o pleno en que debía debaterse a moción de censura presentada polo Partido Popular e os dous edís de Somos Fene para desbancar da alcaldía ao nacionalista Juventino Trigo. Antes e despois da vista pública -que se prolongou durante algo máis de hora e media- Aguilar estivo arroupada por representantes do BNG local e comarcal, así como por membros do Consello Nacional, quen lamentaron o feito de que a veterana política fenesa -xa retirada da actividade pública- se vise abocada a un xuízo "por manter os seus principios e a súa honradez", tal e como sinalou Trigo. O actual alcalde de Fene recalcou, ademais, que a acusación contra Mariela Aguilar obedece a "unha vinganza persoal" de Gumersindo Galego, a quen Juventino Trigo lle criticou o feito de "levar ao xulgado un asunto político e administrativo".

Os feitos xulgados hoxe remóntanse ao 26 de outubro de 2017. Para ese día ás 12:00h estaba convocada a sesión do pleno extraordinario en que debía debaterse a moción de censura presentada días antes polo PP e os dous edís de Somos Fene, despois de que o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ferrol lles confirmase cautelarmente que seguían sendo grupo municipal e non concelleiros non adscritos, circunstancia esta última que, en aplicación da normativa antitransfuguismo, impediría xuntar os votos necesarios para que a moción prosperase.

Porén, na madrugada do día en que debía celebrarse o pleno entrou no rexistro municipal un novo escrito de Participación Democrática Directa de Galicia instando á Mesa de Idade a que durante a votación non se computasen os votos de Somos Fene ou que, subsidiariamente, se suspendese a tramitación da moción mentres non houbese un pronunciamento firme -non cautelar- por parte da Xustiza sobre a condición dos dous concelleiros da Marea aliados co PP.

Da Mesa de Idade formaban parte Mariela Aguilar e, como membro máis novo, a concelleira popular Rocío Bértoa. Ante as dúbidas que presentaba o escrito, e facendo valer o seu voto de calidade como membro de maior idade, Aguilar decidiu suspender a sesión. "Teño a conciencia tranquila. Fixen o que considerei oportuno e correcto", comentou Mariela Aguilar á saída da vista oral celebrada na Coruña. A que fora concelleira de Medio Ambiente lembrou, por outra banda, que en abril de 2018, cando xa había seguridade xurídica sobre a cuestión, volveu presidir a Mesa de Idade e daquela o pleno de moción de censura "celebrouse con total normalidade".

O avogado de Gumersindo Galego pide 17 anos de inhabilitación

Tanto o Ministerio Fiscal como a acusación particular buscaron no xuízo evidenciar que a suspensión do pleno fora un acto premeditado e, neste sentido, a fiscalía solicitou unha pena de 10 anos de inhabilitación por un suposto de prevaricación administrativa á que o avogado de Gumersindo Galego lle engade a petición doutros 17 anos pola vulneración dos dereitos civís dos dous concelleiros de Somos Fene. 

O letrado de Aguilar, Pedro Trepat, solicitou a absolución da súa defendida argumentando que non existiría prevaricación desde o momento en que a ex-concelleira "non actuou a sabendas de que estivese cometendo unha inxustiza". "A miña clienta non era profesional do Dereito nin tiña coñecementos. Había unha serie de actos que xeraban confusión -en alusión ao escrito e ás medidas cautelares previas- e a Secretaria do Concello, que é a asesora legal, non advertiu de que se estivese cometendo ningunha ilegalidade". 

O avogado defensor insiste en que "o tema era complexo e confuso e conviña estudalo con detemento, por iso paralizou o pleno coa convicción de que era o correcto". Trepat precisa, ademais, que desde a Secretaría Municipal se ofreceu a posibilidade de facer un receso para estudar o contido do novo escrito de PDDG. Unha posibilidade que foi rexeitada pola representante do PP na Mesa de Idade, Rocío Bértoa. 

Vinganza persoal e xudicialización da vida política

O BNG defendeu a "integridade e honradez" coa que actuou Mariela Aguilar suspendendo a sesión. 

Juventino Trigo lamentou, porén, que "un asunto político e administrativo" chegase aos xulgados "por unha vinganza persoal" de Gumersindo Galego, quen presentou a denuncia penal cando xa ocupaba de novo a alcaldía. "Trala moción de censura que foi adiante no seu momento -en abril de 2018- non viña a conto meter unha denuncia persoal del, non do Partido Popular, senón do propio Gumersindo Galego, contra unha concelleira que xa nin sequera estaba na primeira liña política", comentou Juventino Trigo. 

"A política é política, e os delictos penais son delictos penais, e ese señor sábeo", dixo Trigo en referencia á condea de Gumersindo Galego por un delicto contra a seguridade do tráfico por superar a taxa de alcol ao volante. Un caso que desencadearía finalmente unha nova moción de censura e o regreso do BNG á alcaldía de Fene encabezando un goberno de esquerdas. 

Desde o BNG de Fene agárdase que a sentenza da Audiencia Provincial sexa favorable a Mariela Aguilar. "Hoxe no xuízo demostrouse que tiña moitos motivos para tomar a decisión que tomou naquel momento", asegurou Juventino Trigo. A decisión do xuíz coñecerase nun prazo aproximado de dúas ou tres semanas.