O BNG reúnese con MEGASA
Representantes do BNG reuníronse con MEGASA para interesarse pola situación da fábrica de Narón
O pasado venres 5 tivo lugar unha reunión entre representantes do BNG e un representante da empresa MEGASA. Polo BNG asistiron a portavoz municipal e a responsábel local en Narón, Olaia Ledo e Marta Grandal, a responsábel comarcal Mercedes Tobío, e os deputados no Congreso e no Parlamento Galego Néstor Rego e Mon Fernández.
A reunión tiña por obxecto coñecer a situación da fábrica, e a valoración que desde a empresa fan dos prezos eléctricos, das medidas que está a tomar o goberno, así como as propostas que desde a patronal de empresas electrointensivas están a trasladar ao goberno.
A representación do BNG tamén puxo en común as medidas que o BNG ven defendendo tanto no Congreso como Parlamento Galego, algunhas delas, por certo, coincidentes coas demandas do sector, por exemplo, limpar o recibo eléctrico dos cargos fixos, e aumentar as subvencións a conta da recadación por emisións de CO2 até o máximo permitido pola UE.
No decurso da reunión, intercambiáronse opinións sobre outras propostas do BNG que funcionan en algúns estados da UE, como constituír unha empresa pública galega de enerxía, ou demandar un prezo máis reducido por ser territorio produtor, o que denominamos Tarifa eléctrica galega.
Finalmente, deuse conta da proposta do BNG para reformar o sistema de fixación de prezos, quitando do pool as tecnoloxías non emisoras como as renovábeis ou as nucleares.