Rego traslada aos transportistas as propostas do BNG para saír da crise
Chama a participar na mobilización do día 3 de abril en Compostela para obrigar ao Goberno a actuar de maneira decidida.
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, mantivo un encontro con transportistas en Narón, acompañado pola portavoz municipal Olaia Ledo, en que trasladou a batería de medidas que o BNG defende para afrontar a suba desproporcionada dos prezos e o empobrecemento das clases populares, entre elas a da suba dos combustíbeis, unha das principais reclamacións do transporte que se mobilizou nas últimas semanas reclamando solucións e axudas. O deputado do BNG considera excesivo e inxustificado o triunfalismo de Pedro Sánchez após o cumio europeo porque agora corresponde definir medidas concretas e o único que se coñece das intencións do Goberno é que as imos acabar pagando as persoas usuarias na factura da luz. Por iso, chama a participar na mobilización do día 3 en Compostela para reclamar un xiro social na acción do Goberno.
Frente á parálise e o retraso na adopción de medidas por parte do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza, a organización nacionalista está levando a cabo unha campaña de difusión das medidas sólidas e urxentes que se precisan aplicar de maneira inmediata para paliar a suba desproporcionada dos prezos dos bens e servizos esenciais, o que leva a un empobrecemento das clases populares e que se agravou no último ano, sobre todo, polo aumento do prezo da luz e os carburantes.
“O Goberno do Estado para alén do compromiso estabelecido esta semana en relación co transporte, aínda non ten adoptado medidas que segue diferindo. É preciso que o executivo actúe xa” subliña o Néstor Rego. “É inxustificábel o triunfalismo de Pedro Sánchez após o cumio europeo que vén de decorrer” continúa o deputado nacionalista “pois do anunciado polo presidente do Goberno o único certo que coñecemos é que o custo de limitar o prezo do gas imos acabar pagándoo as persoas consumidoras na factura da luz mentres que as grandes compañías seguirán mantendo o seu marxe de beneficio intacto”.
O BNG xa trasladou ao Goberno toda unha batería de propostas de desenvolvemento urxente entre elas establecer topes ao prezo dos carburantes e da electricidade. No caso dos combustíbeis, a frente nacionalista defende baixar temporalmente os impostos até que a inflación se estabilice por volta de 2%. Destaca tamén a proposta para unha intervención pública do mercado eléctrico e nos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas para controlar os prezos e a garantía do acceso á enerxía como un ben básico. “Defendemos desvincular o mecanismo de fixación dos prezos do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool e estabelecer prezos máximos” enumera.
“Para alén, reclamamos unha Tarifa Eléctrica Galega como País produtor escedentario de enerxía eléctrica, así como quitar da factura todos aqueles cargos e peaxes que non teñen que ver coa xeración e distribución da electricidade e, no medio prazo, unha regulación do sector eléctrico modificando os criterios do mercado marxinalista” enfatiza Rego. Mesmo sinala a necesidade de que existan empresas públicas que xestionen a enerxía e permitan modular máis facilmente o prezo da enerxía eléctrica.
Ademais, o BNG entende que é preciso atender á situación dos consumidores domésticos baixando o IVE ao tipo reducido de 4% para os bens e servizos esenciais como son a alimentación por exemplo o peixe, os produtos de hixiene feminina ou os subministracións básicas como o gas, a auga e a electricidade. Baixadas que deberían ser compensadas con un incremento da carga impositiva a quen máis ten, por exemplo, no imposto de patrimonio a partir de un millón de euros.
Por último, o deputado do BNG chama a mobilización nacional convocada polo BNG para o vindeiro domingo, 3 de abril, en Santiago de Compostela para que tanto o goberno galego como o do Estado actúen de forma inmediata e áxil para paliar a crise.