Néstor Rego exixe avances reais no ferrocarril e a implantación dos servizos de proximidade recollidos no Acordo de Investidura do BNG: “Ferrol non pode ficar atrás”

Rego pon no centro do debate o ferrocarril en Ferrol e reclama ao Goberno que cumpra o acordado co BNG

Madrid, 29 de decembro de 2025. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama en Ferrol que o Goberno do Estado cumpra cos compromisos adquiridos no Acordo de Investidura do BNG en materia ferroviaria e garanta que a cidade e as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal conten coas infraestruturas e servizos que precisan.

Rego fixo estas declaracións nunha rolda de prensa diante da Estación de Ferrocarril de Ferrol, acompañado por cargos institucionais e orgánicos do BNG, entre eles Iván Rivas, Secundino García, Mon Fernández, Xosé Manuel Golpe, Cristina García Rey, Mercedes Tobío, Roberto Montero, María do Mar López e Pilar Lozano.

“Ferrol non pode ficar atrás nin seguir sendo unha das grandes esquecidas nas políticas ferroviarias do Estado” afirma o deputado nacionalista, quen lembra que grazas ao Acordo de Investidura acadado polo BNG existen compromisos claros que deben materializarse sen máis demoras.

Entre estes compromisos, Rego destaca a modernización da liña ferroviaria Ferrol–A Coruña, a construción do by-pass de Betanzos, a modernización da antiga liña de FEVE no norte do país e a posta en marcha dun servizo de cercanías ferroviarias. “Non falamos de promesas xenéricas, falamos de acordos concretos que o Goberno debe cumprir” enfatiza o deputado nacionalista.

Así mesmo, Rego incide en que a formación nacionalista está a exercer presión política constante en Madrid para que estas actuacións se fagan realidade. “O BNG está a facer valer a súa forza nas Cortes do Estado para que estes compromisos non queden nun caixón. O Goberno debe entender que Ferrol, Eume e Ortegal non poden seguir agardando” sinala.

Alén do máis, o Néstor Rego salienta que o BNG recolleu xa a solicitude do Foro Cidadán polo Ferrocarril de Ferrol para a presentación do texto consensuado no Congreso e, nese sentido, o deputado nacionalista xa se dirixiu a os demais representantes galegos dos outros grupos parlamentares para instalos a materializar esa iniciativa conxunta que reclama a Plataforma.

Rego insta tamén o executivo estatal a escoitar á veciñanza destas comarcas que levan anos demandando unhas comunicacións ferroviarias dignas. “A veciñanza sabe ben o que precisa: trens útiles, frecuentes e fiábeis que conecten a comarca co resto do país e faciliten a mobilidade diaria. O Goberno ten a obriga de atender estas demandas xustas” afirma.

Finalmente, o deputado nacionalista reitera que a mellora das infraestruturas e dos servizos ferroviarios é unha cuestión clave para o desenvolvemento económico, social e territorial da comarca. “Ferrol precisa e merece un ferrocarril á altura das necesidades de mobilidade actuais, e o BNG vai seguir traballando para que iso sexa unha realidade” conclúe.