O PP veta a proposta do BNG para que o consello de contas fiscalice a xestión do CAPD Souto de Leixa

O deputado Mon Fernández

O pasado 13 de abril a Comisión parlamentaria de relacións co Consello de Contas aprobou as propostas dos grupos políticos para o plan de traballo 2023 do Consello de Contas

As propostas do Grupo parlamentario do BNG foron defendidas polo deputado da comarca de Ferrol Mon Fernández, quen incidiu na necesidade de fiscalizar o cumprimento dos pregos da concesión da xestión do CAPD Souto de Leixa, que ven prorrogándose sistematicamente desde o ano 2011 malia as reiteradas denuncias por parte das familias das persoas residentes así como por parte do Comité de empresa.

O deputado do BNG tamén lembrou que a xestión deste centro, anteriormente coñecido como Carmen Polo e de xestión pública, foi privatizada polo Partido Popular no primeiro goberno Feijoo, e desde aquela está en mans dunha filial do grupo ACS.

Unha das principais problemáticas do centro é o elevado número de incidentes con risco e agresións entre persoas residentes, e mesmo ao persoal traballador, moi máis elevado que por exemplo o que se produce en calquer outro centro de xestión pública.

Esta diferencia derívase do déficit de persoal para atender debidamente ás persoas residentes e da falta de formación, agravado en parte por unha elevada rotación do persoal que non perde ocasión de cambiar de emprego debido ás malas condicións laborais e de prestación do servizo.

O Grupo Parlamentar do BNG incluíu entre as súas propostas para o plan de traballo anual do Consello de Contas que se realizara unha fiscalización da xestión da concesión do centro, proposta rexeitada polo Partido Popular, que co seu voto en contra avala e protexe a xestión da empresa concesionaria contra os dereitos máis elementais das persoas residentes no centro, que segundo diferentes testemuñas non gozan dunha vida que poida considerarse digna.