O PP rexeita todas as emendas presentadas aos orzamentos da Xunta para Narón
Propostas do BNG para Narón, como un centro de día, melloras nos centros de ensino ou a restauración da Capela de Sta Margarida foron rexeitadas polo Partido Popular
A portavoz municipal do BNG de Narón, Olaia Ledo, compareceu xunto cos compañeiros de corporación Geno Carballeira e Bea Mosquera, acompañados pola nova responsábel comarcal da formación nacionalista Pilar Lozano e o deputado no Parlamento Galego Mon Fernández, que fixo fincapé na necesidade urxente de mellorar a dotación de servizos públicos no Concello de Narón.
Un dos exemplos máis graves é o mal estado de todos os centros de ensino do Concello nos que son habituais as pingueiras, os desconchados, os problemas de calefacción, etc, así como o recente conflito entre ANPAS e Concello polo servizo de madrugadores, unha das cuestións que o BNG introduciu nas emendas aos orzamentos demandando que a Xunta se faga cargo deste servizo cada vez máis esencial para todas as familias.
A construción dun novo CEIP en Xuvia ou dun Centro do día son outras das demandas presentadas un ano máis polo BNG e que novamente foron rexeitadas polo Partido Popular desatendendo as necesidades dun Concello que gañou case 10.000 habitantes nos últimos 20 anos.
A restauración do Conxunto patrimonial da Capela de Sta Margarida é outra das demandas presentadas polo BNG que destaca o grande valor cultural e social deste conxunto, lembrando e reprochando os comentarios despectivos realizados polo Conselleiro de cultura cando esta demandan foi presentada anteriormente en solitario.
A mellora do transporte público tamén está presente na emendas presentadas aos orzamentos da Xunta para o ano 2025, unha demanda que na comarca de Ferrol é todo un clamor e que abrangue desde as insuficientes conexións coa Coruña, como as inexistentes liñas entre as parroquias do rural de Narón e os centros de ensino da Comarca.
Por último, a portavoz quixo facer mención á necesidade de mellorar a seguridade viaria en diferentes zonas do Concello coa construción de beirarrúas en varias vías de titularidade autonómica que aínda carecen delas.