O PP rexeita todas as emendas ao proxecto de Orzamentos presentadas polo BNG

Mon Fernádez co BNG de Ares

O BNG de Ares denuncia que patrimonio, transporte e centro de saúde fican fora das prioridades da Xunta do PP

Repítese o guión destes 14 anos de goberno do Partido Popular na Xunta da Galiza e novamente o PP utiliza a súa maioría no Parlamento Galego para rexeitar todas as emendas presentadas polo BNG ao proxecto de orzamentos do goberno galego.

O BNG de Ares presentou a través do deputado Mon Fernández varias emendas a este proxecto de orzamentos para que se incluíran partidas económicas dirixidas a dar solución por fin a cuestións da máxima importancia para o Concello, e que son xa auténticas urxencias que continúan ignoradas e marxinadas polo Partido Popular vulnerando os dereitos de toda a cidadanía de Ares, en algúns casos dereitos fundamentais, como mellorar o plan de transporte de viaxeiros por estrada, que está a ser motivo de queixas e denuncias por parte das persoas usuarias perante as deficiencias e incumprimentos da empresa concesionaria da prestación do servizo e máis da Xunta de Galiza como titular das competencias.

O sistema público de saúde volve ser o gran damnificado dos novos orzamentos da Xunta, que continúan a política de abandono da atención primaria e pediátrica en beneficio da sanidade privada, e que no Concello de Ares é un problema especialmente sensible desde hai xa moitos anos e sobre todo en época estival, cando a poboación do Concello aumenta exponencialmente. O plan de rescate e impulso da atención primaria proposto polo BNG foi rexeitado igual que as demais emendas.

Outra cuestión da máxima relevancia para o Concello de Ares é resolver dunha vez por todas a situación do Mosteiro de Sta. Catalina, aínda propiedade do Ministerio de Defensa que xestiona o Concello a través dunha cesión en precario, auténtica barreira para a súa rehabilitación e posta en valor.

A proposta do BNG consiste na adquisición do Mosteiro por parte da Xunta de Galiza, xa que para un Concello do tamaño de Ares a adquisición, rehabilitación e mantemento deste ben patrimonial resultaría economicamente prohibitivo, e polo tanto a implicación da Xunta para facerse coa propiedade resulta absolutamente necesaria para evitar que calquer obra de mellora que se realice actualmente poda revertir no Ministerio de Defensa sen compensación algunha.

O portavoz municipal do BNG en Ares, Tino Seco, insiste en que mentres non se resolva este problema da propiedade do Mosteiro os veciños e veciñas de Ares e de toda comarca están sendo privadas do goce a aproveitamento dunha das grandes xoias patrimoniais, históricas e monumentais de toda Galiza, e tira desta situación unha semellanza do que nos pasa a galegos e galegas co goberno da Xunta e a situación xeral da Galiza, un goberno do PP en precario, teledirixido desde Madrid, que rexeita competencias e mira para outro lado mentres o país se deteriora tanto demográfica como materialmente, “a única solución é facernos propietarios do noso país, propietarios e propietarias de pleno dereito, e iso pasa por un goberno nacionalista que acredite e aproveite todas as nosas potencialidades, un goberno BNG”.