Pontón destaca que o BNG ten proxecto e ten en Rodríguez o liderado para facer de Cedeira un concello con futuro
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Cedeira, José Antonio Rodríguez, destacando que o BNG ten proxecto, liderado e equipo para darlle a este concello un impulso que lle permita avanzar e ganar dinamismo no económico, no social e no cultural. Por iso, declarouse convencida de que o Bloque vai ter un gran resultado o 28M.
Pontón destacou o potencial de Cedeira, un municipio que conta cun gran patrimonio natural e cultural, sectores produtivos, -en particular todo o relacionado co mar-; atractivo turístico e unha veciñanza con ganas de avanzar, cansa dunha longa etapa de estacamento e de perder oportunidades. “Cedeira merece máis”, proclamou.
“Para que Cedeira empece a ganar a alternativa é o BNG, cun proxecto con ideas e propostas para abrir un tempo novo de ilusión e de transformación en positivo, porque a veciñanza merece unha vila que avance, activa no económico, no social e no cultural e no BNG sabemos como facelo porque temos un modelo municipal de éxito, que funciona e o demostramos todos os días alí onde gobernamos”, argumentou Pontón durante a súa intervención.
A líder nacionalista subliñou que o proxecto que encabeza Rodríguez pasa por darlle a Cedeira un goberno “transparente e solvente na xestión”, achegado aos problemas da xente, capaz de poñer en valor o rico patrimonio da localidade e que aposta pola igualdade, de tal xeito que a veciñanza das parroquias teña os mesmos servizos.
A alternativa que ofrece o Bloque o 28M inclúe un concello “con servizos públicos de calidade, en particular na sanidade, pero tamén con servizos sociais para as persoas que máis o precisan”. Igualmente, defende equipamentos culturais e de ocio, recuperar e rehabilitar o centro histórico e considera clave dar oportunidades á xente moza, destacando Pontón explicando algunhas das propostas que o BNG quere levar adiante en Cedeira.
"Sei que ides ir a por todas nestas eleccións municipais, sen poñervos límites, que saídes a gañar sabendo que o BNG ten proxecto, liderado e equipo para pedir a confianza dos veciños e veciñas. Desde esa confianza, estou segura, imos ter un resultado histórico en Cedeira”, proclamou.