Pontón: “O BNG terá o apoio da veciñanza para que Juventino Trigo siga co proxecto de avance e futuro en Fene tras o 28M”

Presentación candidatura BNG de Fene

Destaca o modelo de goberno municipal do Bloque eficaz na xestión de cada euro, que transformar en positivo e que mellora a vida das persoas

Subliñou o compromiso de Trigo co concello a súa honradez e traballo

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación de Juventino Trigo como candidato do BNG á Alcaldía de Fene nas eleccións do vindeiro 28 de maio, de quen destacou “o seu compromiso con este concello, a honradez dunha persoa que coñece este concello como a palma da man e sabe aproveitar todo o potencial desta vila”.

Pontón fixo lembranza de que foi precisamente en Fene onde deu o seu primeiro mitin na campaña á Presidencia de Galiza en 2020, cuxo resultado “foi histórico” e amosouse convencida de que o Bloque terá tamén un resultado histórico en Fene o 28 de maio, “grazas á lección de dignidade e de honestidade política ao longo destes anos” de Trigo e de todo o seu equipo.  “Fixeron un traballo  en positivo, apoiando o tecido económico local, os sectores produtivos como o marisqueo ou o naval nun concello que comparte con Ferrol os mellores estaleiros do Estado”, declarou.

A candidatura do BNG “representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesitan Fene e a sociedade galega”, valorou a líder do Bloque, que salientou “ás persoas honradas, solventes e series que integran a candidatura, que non escatimarán esforzos para darlle a este concello un futuro mellor”. Porque o Bloque, incidiu “non está nos gobernos municipais para quentar unha cadeira, senón que está para suar a camiseta e construír vilas e cidades que avanzan e progresan, con dinamismo económico, social e cultural”.

Porque, remarcou a portavoz nacional, “a inmensa maioría dos veciños  veciñas deste municipio quere Fene siga tendo un concello transparente, de portas abertas, onde todas as persoas sexan tratadas por igual, cun alcalde dialogante, que escoita e que sempre ten a man tendida”. Un goberno municipal “que xa puxo este concello na boa dirección e que foi capaz de sacar adiante propostas e proxectos”, incluso en situacións tan adversas como a da pandemia, na que a xestión do urxente ocupou unha gran parte do traballo neste mandato.

Por iso Fene, destacou, “continuará con máis forza, máis apoio e representación ca nunca” despois do vindeiro 28M, “e digo isto coa toda humildade pero con todo o orgullo de saber que temos o mellor proxecto, o mellor candidato e o mellor equipo para converter Fene nun concello de referencia na comarca”, proclamou.

Pontón destacou ademais o aval de poder presentarse ante a veciñanza cun modelo municipal que funciona e que hoxe é referente en toda Galiza. “Porque o modelo municipal do BNG representa as solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade, aprendendo do mellor que existe no mundo, porque os gobernos BNG son exemplo de como se pode transformar a  realidade desde un concello, de como facer avanzar unha cidade, unha vila ou un concello rural a un ritmo rápido e positivo”, alegou.

 

Un modelo municipal “que pon ás persoas no centro, xestionan ben cada euro, radicalmente democráticos por iso, os veciños e as veciñas senten orgullo do seu concello cando goberna o BNG”, resaltou,  con propostas en positivo, avanzadas, con determinación, con ilusión, “porque aí fóra, nas rúas, nas prazas, nas empresas hai unha enorme ilusión e esperanza en torno ao BNG, porque se quere outra forma de facer política”, concluíu.