O BNG reclama no Parlamento Galego a recuperación da oferta de ESA para o IES Concepción Arenal

Foto da xuntanza
Os parlamentarios Manu Lourenzo e Mon Fernández, e a responsábel comarcal Mercedes Tobío, reuníronse no día de hoxe coa dirección do Centro e máis con unha representación da ANPA

O xoves 27 irá a debate na comisión de ensino do Parlamento Galego a problemática do Ensino Secundario para persoas Adultas da cidade de Ferrol, unha oferta lectiva que foi suprimida pola Xunta no presente curso malia a forte contestación social.

A dirección e a ANPA do centro amosaron unha moi decidida vontade de pelexar pola recuperación desta oferta educativa, malia o desprezo recibido até o de agora polas autoridades educativas, xa que existe unha demanda social importante, e dunhas características moi particulares que non poden atenderse de outro xeito, salientando ademais o feito de estar o centro Concepción Arenal situado nas proximidades da estación de autobuses e da estación de trens, o que facilitaba o acceso e as matrículas de moitas persoas de toda a comarca. Na mesma liña, amosaron tamén a súa vontade de achegarse o vindeiro xoves ao Parlamento de Galiza para presenciar o debate que vai ter lugar na comisión.

No encontro mantido entre a representación do BNG e a comunidade educativa do IES Concepción Arenal, o portavoz de Educación do BNG no Parlamento Galego, Manu Lourenzo,  sinalou que “o que está a padecer a comunidade educativa do IES Concepción Arenal non son senón as consecuencias do desmantelamento do ensino público que o Partido Popular está a levar adiante en todo o país. Na última década o PP suprimiu máis 2.500 profesores no ensino público ao tempo que bate o record de desvío de fondos públicos ao ensino privado. O PP volve cebarse cos servizos públicos de Ferrol e terán ao BNG en fronte”