Os orzamentos da Xunta para o ano 2025 seguen sen atender as grandes necesidades das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
O BNG denuncia a falta de proxecto, de iniciativas e de compromisos orzamentarios cos principais sectores produtivos e cos servizos públicos
“O sector naval, a ría de Ferrol, a transición nas Pontes, o parque das Fragas do Eume e o Mosteiro de Monfero, a VAC ao Ortegal... non existen para a Xunta da Galiza, mentres a rehabilitación e a construción de novos centros de ensino aparecen apenas nas notas de prensa de Xunta, non no texto dos orzamentos, e en niveis absolutamente insuficientes para atender as tremendas urxencias de case todos os centros das nosas comarcas que están literalmente caendo”
Deste xeito resúme o deputado do BNG, Mon Fernández, a valoración do proxecto de orzamentos presentado pola Xunta para o vindeiro ano, engadindo que “desde o BNG consideramos que o goberno galego non pode ausentarse cada vez que toca de falar das grandes necesidades e das grandes transformacións que precisan os nosos sectores produtivos e os nosos servizos públicos. Os orzamentos galegos son ese instrumento e polo tanto ese momento no que corresponde falar e debater sobre onde destinar o diñeiro público e con que obxectivos”
A negativa do Partido Popular a que o goberno galgo se implique ou xogue algún papel no sector naval é ben elocuente do tipo de goberno e que son. Mais non é un absentismo excepcional. A ría de Ferrol tampouco parece ser unha preocupación para este goberno aínda tendo competencias exclusivas sobre o marisqueo. Do mesmo xeito que a reindustrialización das Pontes merece 0 euros do orzamento galego por 5º ano consecutivo desde que soubemos da intención de Endesa de pechar a central térmica.
A falta de proxecto do Partido Popular para o parque das Fragas do Eume significa manter todo o seu enorme potencial condenado á irrelevancia, o mesmo que a falta de interese por poñer en valor o mosteiro de Sta. María de Monfero. Unha dupla sen rival que o PP mantén na ruína.
O mesmo que a VAC cara Ortigueira, que a este paso vai bater un record como a infraestrutura que máis anos custou rematar, en prexuízo, por suposto, de todas as persoas da comarca do Ortegal e do seu desenvolvimento económico.
As necesidades do IES de Fene, onde chove dentro do centro incluídas zonas especialmente perigosas como o taller de soldadura, ou dos CEIPs da Gándara no Concello de Narón e Nicolás del Río no Concello de Cedeira, con zonas balizadas ou apuntaladas por causa dos desprendimentos tampouco van ter solución co actual proxecto de orzamentos.
Remata o deputado nacionalista asegunrando que “todas estas necesidades non existen para o Partido Popular, que si son moi capaces á hora de facer anuncios e tapar as súas eivas con propaganda, até o punto de se gabar do convenio con ASFEDRO, cando na realidade non fai máis que constatar que a Xunta de Galiza segue sen cumprir coa necesaria e comprometida integración da atención á drogodependencia e outras adicións no servizo público de saúde”