O BNG reclama un plan de choque para a área sanitaria da comarca de Ferrol

Foto 1 Mon 8-10.21 (1)
Vén de presentar dúas iniciativas no Parlamento Galego demandando solucións para ás múltiples carencias en infraestruturas e persoal dos centros da comarca
“Os recortes de 12 anos de goberno de Feijoo neste servizo público esencial fanse cada vez máis evidentes para prexuízo das persoas doentes e usuarias da comarca, sendo hoxe un clamor social” Afirmou o deputado do BNG, Mon Fernández, nunha comparecencia perantes os medios, acompañado da responsábel comarcal, Mercedes Tobío; e tamén de Rocío, filla dun doente que denunciou o seu caso hai poucos días.
 
Fernández fixo alusión ao “peche de centros, impulso da atención telefónica, mais sobre todo a ausencia dunha planificación que atenda a dotación de novas e urxentes infraestruturas, ou a cobertura das prazas necesarias para prestar o servizo correctamente sen abusar da saúde dos propios profesionais” como as razóns que están a motivar a situación sanitaria na comarca, nomeadamente no referente á atención primaria.
 
A falta de dotacións concrétase entre outras cousas en que na área sanitaria de Ferrol exista un déficit estrutural de camas aínda sen resolver, que provoca, por exemplo, que con certa reiteración persoas doentes teñan que pasar en urxencias máis tempo do debido por falta de capacidade hospitalaria para realizar o ingreso. A ese respecto, o deputado do BNG lembrou que “a falta de cobertura de prazas ven provocando, tamén reiteradamente, queixas e mobilizacións veciñais en diferentes lugares, como Ferrol Vello, Mugardos, Pontedeume, Cabanas, Monfero...”
 
Mais é a título individual, nas reclamacións e denuncias públicas realizadas por particulares, que a gravidade dos prexuízos de estes 12 anos de recortes aparecen con toda crueza, e a saturación das infraestruturas, a saturación dos servizos, e a saturación das persoas profesionais que os prestan, como principal causa, directa ou indirecta, de estes prexuízos.
 
Mon Fernández afirmou que “vimos recentemente como varios casos gañaron notoriedade pública na comarca de Ferrol, por causa da desesperación das propias persoas doentes ou dos seus familiares máis próximos. Entre estes, o caso dun doente (pai de Rocío, presente na rolda de prensa) con máis de 100 días de hospitalización en Ferrol con unha diagnose de pancreatite aguda con necrose, e un traslado aprobado cara a área de Santiago desde o día 23 de setembro para realizar unha intervención, sen que a día de hoxe a familia teña noticias de cando se producirá ese traslado mentres ven como cada día que pasa o seu familiar se debilita, o que complica a intervención pola que está a agardar”
 
Na mesma orde de cousas, referíuse ao caso de “outro doente, diabético, hipertenso e con sobre peso, ao que lle realizaron unha Angio-tc o día 26 de agosto, con resultado de estenose crítica pre-oclusiva, con risco de obstrución total de la carótida, segundo informa a neuróloga. Veñen de comunicarlles que teñen cita no hospital da Coruña para unha “consulta” o día 14 de outubro. Mentres tanto está de alta na casa desde o día 29 de setembro.Ou o caso dunha persoa derivada á sanidade privada que se encadeou ás portas do Marcide demandando ser atendido na sanidade pública”
 
Perantes esta situación, o deputado do BNG deu conta da batería de iniciativas (adxuntas) presentadas polo BNG no Parlamento Galego que, no apartado dispositivo, levan as seguintes resolucións:
 
1. “O Parlamento de Galiza insta a Xunta a elaborar e impulsar con carácter inmediato un plan de continxencias para garantir o tratamento pola sanidade pública de todas as persoas doentes da área sanitaria de Ferrol, así como para axilizar e mellorar as derivacións intra-hospitalarias, garantido unha rede ou circuítos funcionantes”
 
2. “O Parlamento de Galiza insta a Xunta a elaborar e impulsar con carácter inmediato un plan de continxencias na área sanitaria de Ferrol dirixido a recuperar a atención sanitaria presencial, e nomeadamente en atención primaria e pediátrica, así como a reducir as demoras, e os desprazamentos. O plan deberá incluír:
 
a. Á mellora e ampliación das infraestruturas dos centros de saúde deficitarios, a comezar polo Fontenla Maristany
 
b. A cobertura das vacantes dos diferentes centros de saúde da área sanitaria”