O BNG participa na concentración polos recurtes da Xunta no IES Punta Candieira de Cedeira

María Muíño e Mon Fernández
O BNG celebra a gran resposta conseguida pola Plataforma veciñal contra os recortes no IES PUNTA CANDIEIRA malia os esforzos do Partido Popular por reprimir as protestas

O deputado no Parlamento galego Mon Fernández e a deputada provincial María Muíño, participaron xunto cun nutrido grupo de militantes do BNG da localidade de Cedeira na concentración realizada este sábado ás 12h contra o recorte de profesorado no IES PUNTA CANDIEIRA da vila de Cedeira.

Reiteran a súa preocupación polo impacto que vai ter o recorte anunciado de 14 profesoras e profesores, a todas luces desmedido, e que non só vai significar menos titulacións, menos optativas ou a supresión do ensino para adultos, senón a perda do nivel e da calidade que este centro viña despregando dun xeito recoñecido en todas as áreas.

Recortes que van ter consecuencias para toda a poboación en idade educativa e para as súas familias, e polo tanto, con consecuencias tamén do punto de vista demográfico nun concello que ven perdendo poboación sistematicamente desde hai anos.
 
Desde o BNG quérense denunciar tamén as prácticas da Consellaría de educación e do entorno do Partido Popular para confundir á comunidade educativa deste centro sobre a gravidade dos recortes, e mesmo para silenciar as protestas cidadás, ao mesmo tempo que envía miles de sms aos docentes de secundaria en prácticas de toda Galiza para que acudan a un acto propagandístico do conselleiro esta mesma semana, o que retrata un goberno do PP decididamente agresivo co ensino público ao mesmo tempo que non repara en esforzos de toda pelaxe para salvar a súa imaxe pública.