Nin espolio nin depredación, enerxía eólica sustentábel, xusta e galega

Convocatoria eólicos
O BNG convoca unha concentración o domingo 24 ás 12h diante da casa do Concello de Moeche

Tal como avanzamos o pasado 12 de outubro desde Ortigueira no lanzamento da campaña “Nin espolio nin depredación, enerxía eólica sustentábel, xusta e galega” o BNG ven de convocar unha concentración en Moeche como primeiro acto público reivindicativo contra o que constitúe unha auténtica invasión eólica.

Esta convocatoria irá acompañada da distribución dun boletín informativo en todos os concellos da comarca no que se explica a problemática e as consecuencias sociais, ambientais e económicas da instalación de todos os polígonos eólicos anunciados na nosa comarca.

O boletín poderá ser consultado e descargado desde as redes sociais do BNG comarcal, nas que tamén se irán compartindo pequenos vídeos realizados polos compañeiros e compañeiras de todas as localidades afectadas.

Os recentes anuncios da Xunta, de constitución dunha empresa pública e de rebaixas no prezo da electricidade nos territorios onde se instalen os polígonos, non merecen crédito ningún, xa que na verdade a intención da Xunta non é outra que a de garantir a viabilidade dos proxectos privados de xeración eólica dándolles soporte público.

Sen embargo si evidencian que as reivindicacións tanto dos colectivos sociais como do BNG por outro modelo de explotación dos nosos recursos son amplamente compartidas por moitas capas sociais do noso país e obrigan aos partidos defensores do lobby eléctrico a facer movementos, aínda que sexan sobre todo de carácter cosmético.

Na comarca do Ortegal, unha das máis afectadas do noso país, os proxectos en marcha pretenden instalar os muíños moi perto de vivendas e explotacións gandeiras, practicamente expulsando aos veciños e veciñas do territorio.

Ademais estes proxectos adoecen de moitas eivas moi graves, como a falta de valoración de como a instalación destes xigantes vai afectar a acuíferos, vías de acceso a núcleos de poboación, e á riqueza paisaxística da zona. E tamén faltan informes obrigatorios de organismos como Consellería de sanidade que debe informar sobre os efectos que provocan as sombras dos aeroxeradores. Malia todo os proxectos seguen adiante superando trámites.

Estas eivas poñen en cuestión a fiabilidade dunha tramitación ambiental que nos venden como garantista mentres, na verdade, comprobamos sobre o terreo que se caracteriza polas xeneralidades, as contradicións e outros erros típicos do copia e pega.

Tamén é falsa a principal xustificación deste boom eólico. A necesidade de máis enerxía eólica para promover o desenvolvemento económico e industrial da Galiza.

A realidade é que o noso país exporta ano tras ano unha media do 50% da enerxía eléctrica que produce sen que este feito teña servido para conseguir eses obxectivos que todos e todas as galegas desexamos. Son outros territorios, non produtores de enerxía, os que se destacan cada día máis en crecemento económico, industrial e demográfico. O exemplo da Comunidade de Madrid é claro e definitivo.

Non existe a día de hoxe mecanismo ningún que prime aos territorios produtores de electricidade tal como vimos reivindicando desde o BNG. Demanda que topa sistematicamente co veto das mesmas forzas políticas que agora pretenden convencernos de que máis produción eléctrica na Galiza é igual a máis riqueza.

A historia e os feitos demostran que estamos perante outro caso claro daquela vaca pintada por Castelao que pastaba na Galiza e a muxían en Madrid.

Na Galiza conviven os anuncios de novos proxectos co peche das industrias relacionas co sector eólico, como é o caso de Gamesa nas Somozas ou Vestas en Viveiro.

Agora dinnos que para que veñan empresas ás Pontes ou que para que Alcoa non peche, é preciso transformar Ortegal nunha fábrica de enerxía eólica. Non é certo, xa temos enerxía de sobra. Se os proxectos queren vir poderán comprar electricidade ao mesmo prezo e aos mesmo produtores que a compran as empresas madrileñas ou vascas.

O que si é certo é que nada será igual o día que os eólicos estean instalados. Van cambiar a nosa comarca para sempre.

Eólica si. Pero non así.