Mon Fernández exixe á Xunta que aclare se construirá o instituto de Valdoviño
O deputado nacionalista alerta de que Valdoviño gaña habitantes pero perde poboación nova pola falta de servizos básicos como un centro de Bacharelato
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026. O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, reclamou que a Xunta concrete a súa postura sobre a construción dun instituto de ensino secundario en Valdoviño, unha demanda que conta co apoio unánime de todas as forzas políticas do Concello e co respaldo da comunidade educativa.
Fernández subliñou que o Concello de Valdoviño xa ten dispoñible un terreo de propiedade municipal lindeiro co CPI de Atios, cumprindo así cunha das condicións que adoita exixir a Xunta para abordar este tipo de proxectos. "Agora a pregunta é clara: que vai facer a Xunta? Porque Valdoviño precisa servizos públicos básicos para reverter o acelerado envellecemento que sofre", sinalou.
Nos últimos 25 anos, a poboación menor de 35 anos reduciuse un 35%, mentres que as persoas maiores de 65 aumentaron un 30%. "Hoxe, un 32% da poboación de Valdoviño ten máis de 65 anos, unha porcentaxe superior á media galega. Estamos ante un concello que envellece por riba do resto do país", advertiu.
"O actual sistema de transporte público, deseñado polo PP para beneficiar a Monbus, supón un engadido ás dificultades que sofren as familias de Valdoviño para acceder aos institutos de Cedeira, Narón ou Ferrol. É un lastre máis para a xente nova", denunciou.
"Non abonda con proclamar o compromiso co rural e coa loita contra a crise demográfica. Valdoviño necesita feitos, non discursos. E o primeiro feito é dotar o concello dun instituto que permita ás rapazas e rapaces estudar preto de casa, sen ter que marchar", concluíu o deputado nacionalista.