A maioría do PP no Parlamento Galego rexeita incluir investimentos para o concello de Moeche

Moeche. Recinto feiral
As emendas parciais presentadas polo BNG aos Orzamentos xerais da Xunta de Galicia reclaman varios investimentos fundamentais para Moeche
O deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Mon Fernández, visitou Moeche e coñeceu da man da alcaldesa, Beatriz Bascoy, as problemáticas que foron obxecto de emendas do BNG aos Orzamentos da Xunta para o 2022.
 
Avanzar na rehabilitación e modernización do conxunto do recinto feiral co obxectivo de consolidalo como centro de referencia na comarca para o aproveitamento e potenciación do sector primario, así como a construción e dotación de instalacións hípicas axeitadas para fomentar a práctica cabalar e facilitar o desenvolvemento de eventos coma a Feira do Cabal, foron unhas das emendas do BNG para Moeche e que xa xa se demandaran o pasado ano.
 
O Concello nos últimos anos centrou unha parte dos seus investimentos na mellora de varias naves do recinto feiral pero este espazo necesita dun investimento maior que permita acometer o proxecto de renovación integral de toda a área do recinto e unhas novas instalacións para a práctica cabalar que manteña e revitalice esta tradición secular na comarca.
 
Unha segunda emenda solicitaba unha solución a curva artificial no río Xuvia (zona de Soutogrande) para rematar con continuos problemas de mantemento do río nesta área así como a limpeza das marxes do río.
 
O BNG tamén reclamaba nas súas emendas aos Orzamentos galegos investimentos para a conservación e dinamización do Castelo de Moeche como BIC como elemento da nosa historia, ademais de funcionar como atractivo turístico para o concello e para a comarca. A conservación dun BIC coma este require como mínimo una actuación para a limpeza de muro da fortaleza, a mellora do sistema de saneamento e eliminación de filtracións.
 
Non esquecían as emendas presentadas a necesidade dun servizo ferroviario de proximidade para Moeche e para o conxunto da comarca e nese obxectivo céntrase a emenda para solicitar a transferencia e servizo de FEVE, creando así un servizo ferroviario entre os concellos das tres comarca de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña. 
 
O deputado do BNG, Mon Fernández indicou que “ infelizmente, o PP non aplica a súa maioría no Parlamento para atender as necesidades da veciñanza do concello de Moeche, senón para rexeitar as propostas do BNG, que recollen aqueles problemas dos concellos e da súa veciñanza que esixen uns investimentos imposibles de asumir polos concellos por si sós ou, noutros casos, non son da súa competencia”