Iniciativas do BNG no Congreso dos deputados e no Parlamento Galego reclamando explicacións e solucións para ELECTRO RAYMA
O BNG ven de presentar unha batería de preguntas tanto no Congreso dos deputados como no Parlamento Galego, así como unha Proposición non de lei para protexer o emprego e as empresas locais vinculadas a Navantia.
Hai uns días a dirección da empresa ELECTRO RAYMA facía pública a difícil situación que está atravesar, e que a poucos meses de superar definitivamente o concurso de acredores no que caeu por causa da anterior crise, ve como as tensións de liquidez provocadas por un contencioso con Navantia polos sobrecustes das obras realizadas nos AOR para a armada australiana, poden provocar o peche da empresa e o despedimento de case 300 persoas.
O BNG pedirá explicacións no Congreso a respeito dos procedimentos polos que se realizan as modificacións contractuais, como se calculan e acordan as desviacións económicas, a cantas empresas aínda se lles debe diñeiro da execución dos contratos e en que conceptos.
Por outra banda, agora que Navantia comeza a facer públicas as novas licitacións para as fragatas F110, o BNG presenta unha Proposición non de lei para que a contratación pública que realiza Navantia sirva para promover e consolidar un tecido empresarial con base comarcal, incluíndo nos pregos de contratación cláusulas de discriminación positiva a favor das empresas comarcais, e a favor das pequenas e medianas empresas.
A iniciativa do BNG inclúe tamén unha proposta para dotar a Navantia e a súa industria complementaria de mecanismos para a resolución áxil e negociada das discrepancias económicas que poidan xurdir da execución dos contratos, evitando que a demora na súa resolución provoque tensións de liquidez que, precisamente as empresas de menor tamaño, dificilmente poden superar.
Outro dos asuntos incluído na proposta do BNG é o relativo ás medidas sociais que veñen pactándose en cada plan industrial para o persoal de Navantia, principalmente a través de prexubilacións.
O BNG defenderá que esas medidas deben extenderse ao persoal da Industria auxiliar, para solucionar o problema do persoal maioritariamente eventual das auxiliares que cando son maiores teñen difícil reincorporarse aos seus postos de traballo despois dunha caída da ocupación nos estaleiros como as que se veñen producindo na nosa comarca periodicamente.
Do mesmo xeito, para aquelas persoas que sexan indefinidas e conserven o emprego, poderán acceder á xubilación a unha idade máis acorde coas esixencias físicas do traballo no sector naval.
En ambos casos favorecerase a incorporación de xente moza, un dos grandes problemas sociais nunca realmente enfrontados, de Galiza e da comarca de Ferrol.