O goberno galego carece dunha axenda para o Ortegal

ortigueira Marco Schaal
O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta para Ortigueira 

O portavoz do BNG no Concello de Ortigueira, Marco Schaal, Maite Fojo e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández anunciaron as emendas que o Grupo parlamentar do BNG ven de presentar ao proxecto de orzamentos da Xunta que están a tramitarse actualmente.

Os representantes do BNG denuncian que este proxecto de orzamentos constata unha evidencia, a carencia dunha axenda política para o Ortegal, máis aló das recorrentes promesas e dos anuncios do Partido Popular en período electoral, que debería concretarse nos orzamentos da Xunta a través das necesarias consignacións económicas.

E o certo é que cuestións absolutamente básicas para Ortigueira e para todo o Ortegal seguen, un ano máis, desaparecidas dos orzamentos, ou no mellor dos casos con consignacións insuficientes, como no caso da VAC, unha infraestrutura absolutamente vital que xa non é a primeira vez que aparece con unha pequena consignación que despois nin sequera se executa.

Un dos compromisos incumpridos polo goberno do Partido Popular destes 14 anos con consecuencias económicas e sociais máis graves para Ortigueira, ao hai que engadir a  nula preocupación pola recuperación da produción marisqueira na ría, a falta dunha unidade de radioloxía no centro de saúde, ou o deterioro do centro de ensino.

Estes son os ámbitos nos que o BNG concentrou as súas emendas aos orzamentos, VAC e mobilidade, tanto transporte por estrada como ferrocarril, á política social para aumentar as transferencias aos concellos destinadas ao SAF e á construción dun centro de día, á mellora dos servizos sanitarios, tanto na atención primaria como pediátrica, á recuperación da produción marisqueira da ría con diferentes partidas, e finalmente á construción dun novo CEIP no Concello.

Desde o  BNG consideran que un compromiso real polo rural, e nomeadamente pola comarca de Ortegal, debería contar con unha axenda propia, unha relación de prioridades con consignacións económicas nos orzamentos. Nesa liña van as emendas presentadas polo BNG, mobilidade, servizos públicos, sectores produtivos, e nesa liña actuará o futuro goberno galego que saia das próximas eleccións galegas e que estamos seguros e seguras encabezará Ana Pontón.