As fotos, ao seu debido tempo
Abraiado. Así quedei hai uns días cando vin nos medios unha foto de grupo dos alcaldes e representantes socialistas da comarca, encabezados polo presidente provincial, pedindo a creación dunha mesa de traballo para a reindustrialización e a reactivación económica da nosa zona, ademais de escenificar o seu compromiso de defender “con uñas e dentes” o noso futuro.
Mirando a foto veume á cabeza o repaso de cantas mesas levamos creado nos últimos anos para todo: polo tren, pola transición enerxética xusta na térmica de Endesa, pola reactivación do sector naval, para demandar infraestruturas de calidade... E mentres armamos mesas e nos retratamos arredor delas -eu incluído-, a comarca vai a pique, sen solucións nin a curto nin a medio prazo.
Antes era culpa de Rajoy e compañía; das dereitas e das súas políticas ultraliberais en favor do grande capital, non da xente. Pero agora levamos xa unha boa temporada dun cogoberno PSOE-Podemos no Estado que se anunciou como salvador dos dereitos das clases traballadoras e máis desfavorecidas. E a cousa segue igual: Endesa pechada e sen plan de compensación nin para transportistas nin para o resto de negocios afectados directa ou indirectamente, construción naval que desvía os encargos aos estaleiros do sur, un ferrocarril do século XIX, a autoestrada aínda máis cara -a pesar de ter asinado co BNG que ía ser gratuíta-, ALCOA nas últimas por non dispor dunha tarifa eléctrica competitiva e, o último, Siemens-Gamesa As Somozas clausurada a pesar de ser o eólico un sector en expansión.
Ben é certo que no peche da factoría de pás das Somozas boa parte do mérito teno o PP, quen tumbou o plan eólico do bipartito e con el a garantía de que a explotación do noso vento se traducise en investimentos na propia industria da aeroxeneración e noutras fundamentais para manter o noso tecido económico.
Sexa como for, a situación actual é a que é e tócanos a todos os alcaldes e alcaldesas da zona remar na mesma dirección para revertela. Pero iso non é algo que se faga só con fotos, declaracións institucionais e mesas de traballo que non deixan de ser un brinde ao sol co que acaparar portadas na prensa ou, se se quere, un lavado de conciencia dos seus protagonistas na crenza de que así arreglan algo.
Como alcalde dun concello pequeno -e afectado tamén polo abandono xeral que vive a nosa comarca- sempre estarei do lado do debate construtivo, de propor medidas que nos saquen do atraso e que nos aseguren un futuro sostible, moitas delas postas enriba da mesa desde hai anos. Pero tamén coido que é momento de petar na mesa, mellor dito, é momento de que o PSOE que goberna boa parte do norte de Galicia lle esixa ao seus, aos que gobernan en Madrid, que cumpran coa nosa zona naquilo que é da súa competencia.
Estamos chegando a un punto sen volta atrás, acentuado aínda máis por unha pandemia de consecuencias incalculables. Por esta razón, ou se forzan cambios con compromisos firmes acompañados de investimentos e prazos concretos para levalos a cabo, ou á volta duns anos a nosa comarca, tan puxante no último século, acabará convertida nun deserto socioeconómico.
Sentemos e falemos todo o que haxa que falar, pero non nos demoremos máis e asumamos que “defender con uñas e dentes” significa rabuñarlle e trabarlle, se é necesario, tamén “aos nosos”. E xa haberá tempo de sacar a foto cando todo o que se consiga para a comarca sexa unha realidade e signifique unha mellora palpable na calidade de vida das nosas veciñas e veciños.
Secundino García Casal, Alcalde de San Sadurniño (BNG)