A Federación de ANPAS do Ensino Público traslada ao BNG múltiples queixas sobre a situación do ensino na comarca

Xuntanza ANPAS

Obras pendentes desde hai anos para amañar estruturas en mal estado, falta de profesorado de apoio, e a xestión dos comedores e do servizo de madrugadores son as principais demandas das familias do alumnado

Marta Grandal, responsábel do BNG de Narón, María Muíño, deputada provincial, e Mon Fernández, deputado no Parlamento Galego, mantiveron na tarde do venres unha reunión con representantes da Federación de ANPAS de centros públicos da comarca de Ferrol.

A Federación trasladou as demandas que están a recibir unha vez comezado o curso e iniciada a actividade das diferentes ANPAS dos centros. Moitas delas xa coñecidas e comunicadas á Xunta en cursos anteriores, ben a través das direccións dos propios centros ou a través dos diferentes mecanismos de comunicación que a Federación de ANPAS Galegas ten coa Consellaría, mais sen que até o de agora atoparan na Consellaría solución aos problemas.

As principais demandas son de 3 tipos. As primeiras, a execución de obras que resolvan a carencia de instalacións ou problemas de carácter estrutural, como pingueiras, ou elementos con risco de desprendemento, son algunhas das máis habituais e antigas. En segundo lugar a falta de profesorado de apoio que sirva para atender as necesidades de reforzo educativo de moitos centros. E por último a prestación do servizo de comedor e de madrugadores por parte da Xunta, en igualdade de condicións para todos os centros.

O BNG comprometeuse coa Federación de ANPAS a presentar unha batería de iniciativas parlamentarias coas súas demandas.