O PERSOAL DA RESIDENCIA DE MAIORES DE CARANZA E O COMITÉ DE EMPRESA ENTREGAN MÁIS DE 500 SINATURAS

CAMPAÑA DO BNG PARA QUE A RESIDENCIA DE MAIORES DO BERTÓN SEXA DE XESTIÓN PÚBLICA

momento da entrega das sinaturas por unha xestión pública da residencia do Bertón

Este venres a responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, reuníronse con representantes do comité de empresa da Consellaría de Política Social e con traballadoras da residencia de maiores de Caranza que lles entregaron máis de 500 sinaturas a favor da xestión

pública de residencia de maiores que a Xunta de Galiza vai poñer en marcha no

Bertón a través dunha empresa privada concesionaria.

 

 

Mar Peteira, presidenta do Comité, quixo manifestar a súa aposta pola xestión

pública dos servizos públicos básicos, facendo fincapé en que é o mellor para as

persoas usuarias e que iso debe ser o prioritario, “a diferencia nótase en todo, no día a día, nos recursos humanos e nos materiais, nos servizos sanitarios, na comida... a proba tivémola durante a pandemia, na residencia de Caranza non houbo que lamentar ningunha morte, todo o contrario que nas residencias privadas da comarca”.

 

Neste sentido, os representantes do persoal denunciaron a política do Partido

Popular e a súa aposta pola xestión privada das residencias de maiores, até o punto de que Feijoo, durante o seu primeiro goberno na Xunta, paralizara o proxecto que había para ampliar a residencia de Caranza construíndo un novo módulo con máis 80 prazas para persoas asistidas, “o bipartito xa tiña o proxecto finalizado, xa estaban os planos e mesmo puxeron a primeira pedra, pero chegou Feijoo e mandou parar”.

 

A campaña de recollida de sinaturas impulsada polo BNG foi moi ben recibida por

todo o persoal das diferentes residencias públicas da Xunta, do mesmo xeito que

pola cidadanía en xeral en todos os actos de recollida organizados até o de agora.

A responsábel comarcal do BNG agradeceu o apoio recibido e anunciou que

continuarán coa campaña até conseguir o obxectivo final, un modelo de xestión na

nova residencia do Bertón que poña no centro ás persoas e non ás grandes

empresas concesionarias.